O PP de Foz denuncia que Cajoto “volve atacar o patrimonio local” ao converter en maceteiro a fonte da praciña Pardo de Cela

Javier Castiñeira critica que o goberno local opte por eliminar fontes ornamentais en lugar de reparalas e reclama que “devolva á vida” as tres fontes retiradas en prazas emblemáticas do municipio.

O Partido Popular de Foz denuncia un novo “ataque ao patrimonio local” por parte do goberno municipal de Cajoto, despois de que a fonte ornamental da praciña Pardo de Cela fose finalmente convetida nun maceteiro tras meses de abandono e sen funcionamento.

O portavoz do PP, Javier Castiñeira, lembra que esta é “a terceira fonte que se carga no núcleo urbano, en prazas emblemáticas”. “Primeiro foron as da praza Conde de Fontao e a de Rosalía de Castro, dúas fontes antigas que conformaban un espazo absolutamente integrado dentro desas prazas; e agora, na praciña Pardo de Cela, tamén unha praza emblemática, unha fonte máis recente pero que formaba parte do seu entorno”, sinala.

Castiñeira lembra que o PP de Foz xa denunciara no mes de maio “o estado e abandono” desta fonte ornamental, advertindo incluso de que a falta de mantemento podía representar “un perigo para a xente”. “O que pedíamos era que se arranxase e que se puxese en funcionamento”, explica.

Porén, segundo o portavoz popular, “a decisión do señor Cajoto, despois de catro meses de pasar un verán naquelas condicións, foi convertela nun maceteiro, como fixo coas outras”. “Debeu gustarlle esa idea e agora pareceulle unha solución fácil”, ironiza.

Para Castiñeira, esta actuación “demostra a desidia total deste goberno, que pasa por non traballar, por non coidar as cousas e prefire eliminalas”. “Iso é un concepto moi básico e moi primitivo do que é a xestión deste tipo de goberno”, afirma.

O portavoz do PP considera que o Concello debe asumir que o mantemento dos elementos ornamentais e do patrimonio urbano tamén forma parte da xestión municipal. “O coidado ten un serie de custos, pero queremos un pobo bonito. Neste caso, as fontes eran parte dese patrimonio e formaban parte da identidade e do entorno destas prazas”, defende.

Por iso, o Partido Popular de Foz reclama ao goberno de Cajoto que “canto antes devolva á vida esas tres fontes emblemáticas e as coide, loxicamente”.

Finalmente, Castiñeira cuestiona que a solución do goberno local pase por substituír elementos ornamentas por maceteiros. “Xa temos bastante deses maceteiro inútiles no pobo e, por certo, están tamén moi descoidados e pouco mantidos”, conclúe..

Comparte éste artículo
No hay comentarios