Valoración da CIG-Saúde sobre es listas de agarda

Dende a CIG-Saúde levamos anos alertando de que as listas de espera que publica o SERGAS non coinciden nin de lonxe coa espera real que nos trasladan os propios pacientes.

Así mesmo, denunciamos o incremento constante de derivacións de doentes da Mariña cara a centros sanitarios privados de fóra da comarca, tanto para intervencións cirúrxicas como para probas diagnósticas. As direccións dependentes da Consellería normalizan o envío de pacientes a centros como Polusa e Virxen dos Ollos Grandes (Lugo) ou o Hospital Juan Cardona (Ferrol). Especialmente sangrante nos parece o traslado a estes hospitais privados de fóra da comarca para a realización de probas endoscópicas, recollendo testemuñas de pacientes que tiveron que parar na beiravía da estrada porque literalmente non mantiñan o control fisiolóxico.

Para a CIG-Saúde, estas longas listas de espera son o resultado directo das políticas de recortes do Goberno galego, que deterioran deliberadamente o sistema sanitario público para favorecer os intereses da sanidade privada.

Agora escúdanse na folga de médicos para xustificar o incremento das demoras, intentando derivar as responsabilidades cara ao Goberno do Estado. Con todo, as competencias en materia de sanidade —e, polo tanto, a responsabilidade absoluta sobre a xestión das listas de espera— son exclusivas da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Dende a CIG-Saúde convidamos o Goberno galego a que aposte de verdade pola sanidade pública, incrementando non só os metros cadrados das infraestruturas, senón os servizos sanitarios e os profesionais de tódalas categorías, se realmente teñen vontade de rematar coas listas de agarda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios