O Estradense gañou en Vilalba e rompeu a xeira de invencibilidade que mostraba o cadro chairego desde o comezo da liga. Dous goles de Migui cando o partido entraba no derradeiro cuarto levaron ao marcador a realidade do verde. Nos últimos minutos o Racingg recurtou8 cun gol de Rodri, pero o Estradense non permitiu máis chegadas locais que puxeran en perigo a súa vitoria.
O Estradense madura o partido
O Estradense foi quen comezou o partido apertando. O cadro de Manuti gozou de dúas ocasións nos dez primeiros minutos, A primeira, no segundo, de Miguel, nunha cabezada cruzada desde o segundo pau que lambeu a estrutura do marco defendido por Álex Santomé. A segunda, cun Edu xa deitado na frontal da área pequena, na que o ariete visitante puido alargar a perna para rematar polo centro, onde estaba o meta local para desviar.
Cando se cumpría o primeiro cuarto de xogo, abrindo espazo pola dereita a través de pases curtos, Porrúa tivo a súa opción cun xute en condución no que procurou o primeiro pau. A pelota tamén pasou a rentes do poste.
O control do partido seguía sendo visitante. O Estradense conseguía xogar cada vez máis tempo sobre a parcela defendida polo cadro chairego, que ás veces recuaba en exceso, dando máis opcións de tiro aos rivais que asomaban ao balcón da área. Migui, desde a dereita do ataque, cruzou outro balón con potencia que pasou a un metro do marco local cando se aproximaba a media hora de xogo.
No minuto 34, Porrúa conseguiu progresar até a área superando a oposición de Martín. Perto da liña de fondo puido colocar un pase a ras de herba, que o lateral local desviou lixeiramente para que ningún dos atacantes forasteiros puidera rematar.
O Racing volveu xuntar mellor as liñas para só conceder dous disparos máis ao Estradense desde fóra da área sen consecuencias. Aumentando a frecuencia de chegadas, Porrúa estivo a piques de quebrar a defensa vilalbesa cunha condución pola dereita. O seu duro disparo, desde unha posición escorada,foi chapado con seguridade por Álex Santomé.
Na parte final do período, os locais tocaron algo máis a pelota, malia que con pouca profundidade. Esa circunstancia motivou que os seus dous achegamentos máis importantes se reduciran a disparos desde moi lonxe, que non aproveitaron o adiantamento de Brea porque foron desviándose mentres atravesaban o ceo da Madalena.
Migui dá sentido ao dominio do Estradense
Nada mudou no segundo tempo agás a entrada de Borja Míguez por Javi Muíño. O Estradense mantivo o seu dominio baseado na posesión, pero quen puido adiantarse foi o Racing á contra. Adrián Castro deixou ver a súa velocidade na carreira en condución con Ángel e, malia estar escorado, xutou contra o pau desde dentro da área. O partido acababa de superar a hora de xogo.
O pau tamén estivo da parte dos locais no minuto 70. Migui lanzou longo unha falta desde tres cuartos e, antes que o coiro se perdera pola liña de fondo, apareceu o pé de Carabán para gañar un remate imposible que estrelou contra o poste dereito da meta de Álex Santomé.
O Estradense desnivelou o marcador no minuto 72. Migui sacou brillo á súa velocidade para tirar o desmarque pola dorsal do campo, recibiu o pase en profundidade, que recolleu sentindo o alento dos centrais na caluga, pero aguantou até a frontal para esperar a saída do meta chairego e batelo cun golpeo raso e axustado ao pau.
Migui converteuse no home do partido de xeito definitivo catro minutos despois- Logo de recibir perto da media lúa foi quen de darse a volta, orientarse á súa esquerda e atopar o buraco para un disparo perpendicular ao pau que deixou dentro da portería. O atacante procurou aumentar o seu estrelato no seguinte ataque visitante, pero o disparo pasou perto do traveseiro.
Con Migui substituído, e logo que Manuti realizara as súas derradeiras substitucións, o Racing volveu a entrar no partido grazas ao oportunismo de Rodri. O ex do Silva estaba no lugar correcto para facerse cun desvío de Brea e batelo por baixo no minuto 87.
Cara ao remate, Álex Santomé, sempre seguro, mostrou a súa humanidade nun disparo de Seijo desde fóra da área. Cando parecía ter o balón entre as luvas escapoulle, pero rectificou a tempo recuperándoo sobre a liña de gol. Ao fío do prolongamento, os dous xogadores volveron ter protagonismo, pero desta vez o meta chapou o xute do ex do Arosa, que mudara de lado tentando mellorar a resolución.
O Racing Villalbés sufre a primeira derrota ligueira da temporada diante dun Estradense que sigue recuperándose do seu mal comezo no torneo.
Ficha
DOMINGO 11/10/2026 (17,00) Campo: A MADALENA (150)
RACING C. VILLALBÉS : 1 – C.D. ESTRADENSE : 2 (0‑0)
VIL : Álex Santomé; José Varela (Javi Varela 72’), Marcos, Reigosa (Álex 84’), Chans, Martín (Rodri 72’); Raúl Melo, Gael, Brais Prieto (Make 67’), Javi Muíño (Borja Míguez D); Adrián Castro. Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g); Aarón; Vérez).
EST : Brea; Ángel, Prado, Carabán, Pichi; Porrúa (Rachu 65’), Raúl (Carreira 65’), Mella (Mati 79’), Miguel, Migui (Hugo López 86’); Edu (Seijo 86’). Tre. Manuti. (Banco: Otero (g); Manu Figueroa (g); Bellido; Prieto).
Goles: 0-1 Migui 72’; 0-2 Migui 76’; 1-2 Rodri 87’.
Árbitra: Cuesta Arribas (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Barcia Capelán e López López.
Disciplina: CA: Carabán 13’; Make (sup. VIL) 31’; Hugo López (sup. EST) 39’; Mella 61’; Reigosa 70’; Raúl Melo 72’; Javi Varela 76’.
Foto: Javi Varela protexendo o coiro ante a presión de Mella. © 21noticias.com