O presidente provincial felicitou ás persoas e empresas que fixeron da Cámara unha referencia e puxo en valor o traballo conxunto para impulsar a internacionalización das empresas, a formación e a creación de emprego.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou onte no acto de celebración do 140 aniversario da Cámara de Comercio da Coruña, onde destacou a colaboración histórica entre ambas as institucións para apoiar o tecido empresarial e favorecer o desenvolvemento económico da provincia.
Formoso felicitou as persoas e empresas que formaron parte da entidade ao longo destes 140 anos e recoñeceu o seu labor acompañando xeracións de empresarios, abrindo novos mercados, impulsando a formación e defendendo os intereses do tecido produtivo coruñés. “Desde a Deputación temos moi claro que apoiar ás empresas é apoiar o emprego e a economía das familias”, afirmou.
O presidente provincial puxo en valor o traballo conxunto da Deputación e da Cámara para impulsar a exportación e a internacionalización das empresas coruñesas, axudándoas a atopar novos clientes e competir noutros mercados. Destacou tamén a colaboración na formación para o emprego, que permite responder ás necesidades de persoal cualificado das empresas e ofrecer oportunidades laborais á cidadanía.
Formoso defendeu que este apoio debe chegar ás pequenas empresas do conxunto da provincia, para que poidan medrar, contratar persoal e vender os seus produtos fóra de Galicia. Vinculou este obxectivo á creación de oportunidades para que os mozos e mozas poidan desenvolver aquí o seu futuro, sen verse obrigados a marchar.
Durante a súa intervención, lembrou que a relación entre ambas as institucións se remonta aos primeiros anos da Cámara, constituída en 1886 no antigo Real Consulado, un edificio que tamén foi sede da Deputación. Só un ano despois, a Cámara, o Concello e a institución provincial apoiaron a recuperación da Escola de Comercio da Coruña, cunha preocupación compartida por formar profesionais e preparar a poboación para as necesidades das empresas.
O presidente destacou que esa cooperación se mantivo ao longo do tempo, con diferentes gobernos e presidentes, e expresou a vontade da Deputación de dar continuidade a unha colaboración que contribúe ao desenvolvemento económico e á creación de emprego.
Formoso salientou o potencial dunha provincia que conta con grandes empresas, talento, universidades, centros de investigación e persoas con iniciativa emprendedora. Para aproveitalo, apelou ao traballo conxunto entre institucións e tecido empresarial ante os retos da intelixencia artificial, a dixitalización, a transición enerxética e as novas industrias.
“Se algo nos ensinan estes 140 anos é que o progreso non chega por casualidade. Detrás de cada transformación hai persoas con iniciativa, empresas que apostan polo futuro e institucións capaces de acompañalas”, concluíu.