A Acampada pola Vivenda de Vigo alcanza as 60 tendas e reforza a súa estrutura ante as primeiras choivas

A Acampada pola Vivenda de Vigo cumpre xa máis de dez días instalada na alameda da Praza de Compostela para esixir solucións urxentes á crise habitacional. Con arredor de 60 tendas de campaña e unha afluencia diaria de ata 40 persoas pernoctando —ás que se suman decenas de veciños nas asembleas e tarefas loxísticas—, a protesta mantense firme a pesar da chegada do mal tempo, focada en demandar a baixada do prezo dos alugueiros, o fin dos desafiuzamentos e o freo á masificación turística.

O campamento funciona como unha pequena sociedade organizada en comisións (loxística, alimentación, comunicación, tesouraría ou coidados). Dende a comisión de coidados subliñan a importancia de xestionar a convivencia e previr conflitos para «evitar erros que afectaron a experiencias previas como a do 15M».

Apoyo ecoloxista e solidariedade veciñal

A convivencia coa contorna rexese por normas estrictas que inclúen a limpeza constante e a prohibición do consumo de alcohol e drogas. Grazas a esta xestión, colectivos como Amigas das Árbores e Ecoloxistas en Acción emitiron comunicados de apoio, destacando o comportamento exemplar e o absoluto respecto polo patrimonio vexetal da alameda.

A pesar de sufrir algúns episodios illados de acoso nocturno (como o lanzamento de ovos e petardos), dende a asemblea salientan que o respaldo veciñal é moi superior: «Por cada ataque que recibimos, hai moreas de veciñas que nos transmiten o seu agarimo. Moitas persoas achéganse cada día a cociñar e traer comida quente, un abrigo do que tamén se están a beneficiar persoas en situación de rúa que acoden ao espazo», explicaron.

Ante a chegada das primeiras precipitacións intensas, os participantes traballaron na instalación de novos toldos e o acondicionamento das tendas para protexer o material e garantir a permanencia no lugar en condicións de seguridade.

Agenda cultural e rumbo á folga do 11-N

Paralelamente á mobilización, a acampada mantén un amplo programa de actividades abertas á cidadanía, que esta semana inclúe:

  • Xoves 22 de outubro (18:00 h): Obradoiro de creación teatral.
  • Venres 23 de outubro (19:00 h): Palestra con Òscar Murciano (CGT Catalunya), autor do libro ‘Cómo ganar una huelga’.

Dende o colectivo intensifican agora os esforzos para canalizar o descontento cara á folga xeral do próximo 11 de novembro, mentres visibilizan o impacto dos pisos turísticos e os alugueiros inasumibles en Vigo. Anuncian que nos vindeiros días farán públicas novas accións de protesta na cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios