PSOE e BNG néganse a impulsar na Deputación de Lugo unha oficina de asesoramento e captación de fondos europeos para os concellos da provincia

Antonio Ameijide: “Esta decisión, liderada por Carmela López, supón dar as costas a unha demanda prioritaria dos municipios lucenses, especialmente daqueles con menor capacidade económica e técnica, contar con axuda especializada na identificación das convocatorias e na captación de fondos”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a postura de PSOE e BNG dende o goberno da Deputación de Lugo, negándose a poñer en marcha unha oficina de asesoramento e captación de fondos europeos para os concellos da provincia.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que “esta decisión, liderada por Carmela López, supón dar as costas a unha demanda prioritaria dos municipios lucenses, especialmente daqueles con menor capacidade económica e técnica”.

A proposta defendida polo Grupo Provincial Popular tiña como fin poñer en marcha un departamento específico para asistir aos concellos de xeito integral en todo o proceso de consecución de recursos públicos: dende o asesoramento estratéxico para identificar as convocatorias máis axeitadas para cada concello, pasando pola redacción de proxectos e a tramitación burocrática, ata a complexa fase final de certificación e xustificación para asegurar o cobro das partidas asignadas.

Antonio Ameijide defendeu que os concellos máis pequenos da provincia necesitan acudir a institucións superiores para encarar investimentos e proxectos que non poden asumir cos seus orzamentos ordinarios, “polo que os fondos que hai dispoñibles en Europa supoñen un impulso fundamental para os municipios máis pequenos”.

O voceiro popular destacou que en Europa existe un importante volume de recursos que, para estes municipios, “son complicados de acadar xa que carecen de persoal técnico e infraestruturas para tramitar as convocatorias e cumprir coas exixencias administrativas”.

Neste senso, os deputados populares puxeron como exemplo o que xa realizan outras deputacións de Galicia, como poden ser as de Ourense ou Pontevedra.

  • Deputación de Ourense: Pon a disposición directa os seus propios técnicos provinciais para tramitar solicitudes e impulsa candidaturas conxuntas estratéxicas, como o PERTE da auga para a mellora do ciclo hidráulico.
  • Deputación de Pontevedra: Dispón da OTAC (Oficina de Identificación e Captación de Fondos), un servizo estruturado que presta asistencia integral na planificación e captación de fondos autonómicos, estatais e europeos.

“Mentres outras institucións provinciais avanzan neste cometido e mesmo concellos como o de Lugo contan con departamentos especializados, a Deputación de Lugo acumula dúas décadas sen implementar unha estrutura similar”, denunciou Ameijide, que engadiu durante o debate que “esta falta de respaldo técnico tradúcese noutra perda constante de oportunidades de desenvolvemento, emprego e asentamento de poboación no medio rural lucense”.

Finalmente, Antonio Ameijide destacou que “rexeitar esta proposta supón que a Deputación de Lugo non cumpra cunha das súas competencias fundamentais: colaborar cos concellos en condicións de igualdade e lealdade institucional, independentemente da súa cor política, para mellorar os servizos e a calidade de vida dos veciños de Lugo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios