Blues – Madrid, por @DulceCorcu

Desde a capital do reino, ademais da riada de turistas de cada verán, tamén nos chega a actualidade da vida na convulsa metrópoli madrileña, onde sempre pasan cousas e a alguén hai que botarlle a culpa. Coas rúas tomadas pola folga do Ensino público, a marea verde incomoda un pouco ao goberno local que, no canto de sentarse a negociar e atopar solucións, atalla polo camiño de criminalizar a outros para distraer da inoperancia propia. Un estilo de gobernar que coñecemos sobradamente, por outra parte. 

Nese conflito veñen de verse mergullados nada menos que os Riazor Blues, os seareiros do Deportivo da Coruña que, segundo as declaracións dunha portavoz sindical policial nun informativo en Telemadrid, andarían infiltrados na protesta estudiantil para liala parda, no medio doutros grupos de extrema esquerda. Así ao tolo, porque a Madrid todos sabemos que vas o salir de currar e volves para a cea, despois de desfogar e conspirar con perigosos esquerdosos que queren unhas mellores condicións para docentes e alumnado. Descoñecemos as fontes do sindicato policial que sacaba tal conclusión e a lanzaba aos medios, pero quizais non infundan, precisamente, moito rigor nas súas pescudas. Máis ben dá algo de medo. Que agora por uns recortes de prensa acabas ante o xuíz con non se sabe cantas causas enriba. E cunha condea case segura, que o da imparcialidade xudicial xa sabemos tamén que ten máis de mito que de realidade. O prezo de ser unha afección antifascista, «rara avis» no fútbol español, ten a peaxe de ser etiquetados e difamados por quen debera velar polo cidadán, independentemente da súa ideoloxía. Pero milagres a Lourdes. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios