Lugo estrea a súa Mesa de Coordinación Policial contra a violencia machista

O Concello de Lugo ven de constituír a primeira Mesa de Coordinación Policial, un órgano previsto no Protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para a protección das vítimas de violencia de xénero (Sistema VioGén).

A sesión constitutiva celebrouse esta mañá con asistencia de representantes clave na materia: polo equipo VioGén da Policía Local de Lugo; o xefe da Brigada Provincial de Policía Xudicial e o xefe da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional; e a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno.

Durante o encontro acordouse convocar unha nova xuntanza a principios de 2027 co obxectivo de ampliar este espazo de traballo coa incorporación da Policía Autonómica e de representantes do Centro de Información da Muller (CIM). Así mesmo, propúxose a creación de mesas intersectoriais que conten coa participación activa dos servizos sociais municipais.

Cumprimento do protocolo institucional

A posta en marcha desta Mesa dá cumprimento ao establecido no apartado de órganos de coordinación do protocolo promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio do Interior, cuxo acordo marco foi asinado orixinalmente o 13 de marzo de 2006. No caso concreto de Lugo, a adhesión municipal formalizouse o pasado 5 de maio de 2025.

Con este paso, o Concello de Lugo consolida a aplicación do sistema VioGén no municipio e afianza a cooperación entre todos os servizos encargados da seguridade e asistencia, mantendo como obxectivo prioritario ofrecer unha atención coordinada, integral e adaptada ás necesidades específicas de cada vítima.

Comparte éste artículo
No hay comentarios