O CITEEC e a UDC achegan a enxeñaría ás aulas do rural galego ca Xira mini CITEEC

A iniciativa, impulsada en colaboración coa Xunta de Galicia, permitirá que centros educativos públicos con Polo Creativo reciban obradoiros científicos adaptados ás distintas etapas educativas.

A Xunta de Galicia vén de abrir unha convocatoria dirixida aos centros educativos públicos do rural galego para participar no programa Xira miniCITEEC, unha iniciativa que leva ás aulas a ciencia e a enxeñaría a través de obradoiros prácticos baseados en maquetas funcionais de máquinas e dispositivos do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), centro de investigación da Universidade da Coruña.

O programa ten como obxectivo achegar as áreas de coñecemento propias da enxeñaría civil ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria, mediante actividades didácticas adaptadas a cada etapa educativa. Deste xeito, búscase espertar a curiosidade científica, favorecer a aprendizaxe experimental e fomentar vocacións científico-tecnolóxicas desde as primeiras etapas da formación.

A convocatoria, publicada o 23 de outubro, está destinada aos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que conten cun Polo Creativo durante o curso 2026/2027. Os centros deberán estar situados en contornas rurais e presentar dificultades para desprazarse ata as instalacións do CITEEC, na Coruña.

Os centros seleccionados recibirán a visita de persoal técnico e investigador do CITEEC, que se desprazará ás aulas con maquetas funcionais de dispositivos reais empregados nas actividades de investigación do centro. A través destas ferramentas, o alumnado poderá descubrir de maneira práctica algúns dos principios e procesos relacionados coa enxeñaría civil. As sesións desenvolveranse coa colaboración do equipo de asesoramento de Polos Creativos.

Con esta iniciativa, o CITEEC e a UDC contribúen a reducir as barreiras de acceso á divulgación científica e a achegar a investigación universitaria aos centros educativos do rural, promovendo unha aprendizaxe activa e o contacto directo coa ciencia e a tecnoloxía.

O prazo para participar na convocatoria permanecerá aberto ata o 15 de novembro de 2026. Os centros interesados deberán presentar a súa solicitude a través do formulario dispoñible no portal de Polos Creativos da Xunta de Galicia: https://centros.edu.xunta.gal/poloscreativos/

As bases completas da convocatoria poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/51082

Sobre o miniCITEEC

O miniCITEEC é unha iniciativa de divulgación científica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, que permite achegar a investigación en enxeñaría civil e edificación a públicos de todas as idades. A través dunha exposición itinerante de reproducións a escala de máquinas e equipamentos empregados nos laboratorios do centro, ofrece demostracións prácticas que axudan a comprender conceptos científicos e tecnolóxicos dun xeito visual, interactivo e accesible.

A iniciativa forma parte das actividades de divulgación do CITEEC, que participa en eventos científicos como o Día da Ciencia na Rúa e a Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night). Con propostas adaptadas ao público escolar, o miniCITEEC contribúe a espertar a curiosidade pola ciencia, dar a coñecer o traballo investigador da UDC e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios