Lugo acollerá unha xornada de fútbol a pé para dar a coñecer esta modalidade deportiva inclusiva

O concelleiro de Deportes, Damián Carballo, participou na presentación da primeira xornada de fútbol a pé (walking football) en Lugo, acompañado por Manuel Otero, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo; Manuel Castro «Vilachá», delegado da Real Federación Galega de Fútbol en Lugo; José Ángel Castro, presidente da AD Legado San Roque FAP, e Iván Pico, adestrador e psicólogo da entidade.

A actividade celebrarase o sábado 7 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, no campo da Polvoreira (O Polvorín), organizada pola AD Legado San Roque FAP, primeiro club desta modalidade na cidade.

O fútbol a pé é unha modalidade adaptada que permite seguir practicando fútbol a persoas que, pola idade ou por limitacións físicas, non poden asumir as esixencias do xogo tradicional. Promove unha práctica deportiva segura e accesible, na que se combina a actividade física co compañeirismo e as relacións sociais.

Entre os seus beneficios destacan a mellora da condición física e do equilibrio, así como a prevención do illamento e o reforzo do benestar emocional.

Desde o Concello valórase a incorporación de novas propostas deportivas que faciliten a participación de persoas de diferentes idades e condicións físicas e amplíen as oportunidades para manterse activas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios