A Deputación da Coruña participa nunha nova edición de Culturgal do 26 ao 29 de novembro en Pontevedra

A deputada de cultura, Natividade González, participou na presentación oficial do festival, que ademais conta co apoio da Deputación para a súa celebración.

A Deputación da Coruña participará un ano máis en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que celebrará a súa XIX edición do 26 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A institución provincial contará cunha programación propia que permitirá dar a coñecer o traballo de creadoras e creadores da provincia e visibilizar algúns dos premios literarios e musicais que promove. A deputada de Cultura, Natividade González, participou na presentación oficial de Culturgal 2026, unha edición que reunirá máis de 800 artistas e creadores de todas as disciplinas da cultura galega, con arredor de 200 espectáculos e actividades para todos os públicos. O encontro contará tamén con 100 postos, 10 galerías de arte, sete escenarios e unha ampla oferta de propostas musicais, literarias, audiovisuais e de artes escénicas.

Durante a súa intervención, González puxo en valor o significado desta feira para a cultura galega e expresou o orgullo que supón para a Deputación da Coruña formar parte dela un ano máis. «Desde a Deputación seguimos colaborando cunha programación que nos permite traer a este espazo unha boa representación do traballo cultural que se desenvolve na nosa provincia. Desde as persoas gañadoras dos nosos premios literarios ata propostas musicais e de artes escénicas, que amosan a riqueza, a diversidade e, sobre todo, o talento que temos no noso país», sinalou.

A deputada tamén reivindicou o papel de Culturgal como espazo de encontro e de construción colectiva, no que creadoras, creadores, profesionais e público comparten proxectos e experiencias. «Aquí non só se presentan libros, espectáculos ou proxectos culturais. Aquí atopámonos, compartimos, coñecemos o que están facendo outras persoas e, sobre todo, seguimos construíndo cultura colectiva», engadiu.

A programación da Deputación da Coruña

A programación da institución provincial concentrarase en diferentes propostas musicais e literarias que poñen en valor o talento galego e os certames culturais impulsados pola Deputación.

O sábado 28 de novembro, ás 13.00 horas, terá lugar o concerto de Raposa, banda gañadora dos Premios NARF 2026. A actuación permitirá achegar ao público o proxecto musical recoñecido nesta última edición dos premios, que promoven e recoñecen a creación musical.

Tamén o sábado, ás 18.00 horas, celebrarase o encontro «Premios que tecen redes: Certames Literarios da Deputación da Coruña», unha actividade centrada nos premios literarios provinciais e na súa capacidade para impulsar a creación e establecer vínculos entre autoras, autores e lectores. A sesión contará con Manuel Barreiro e Elías Taño, que presentarán Maré, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada. A xornalista Susana Pedreira conducirá a conversa entre os autores, que estará seguida dunha sinatura de exemplares.

O domingo 29 de novembro, ás 16.00 horas, será a quenda de Antía Yáñez, gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2025, que presentará a súa obra Bragakadabra nunha conversa con Lois Pérez, tamén gañador deste certame na edición de 2022. O encontro reunirá, así, dúas xeracións de persoas premiadas co Raíña Lupa para dialogar arredor da literatura infantil e xuvenil galega e da súa evolución desde a creación do premio en 1998, cando Agustín Fernández Paz resultou gañador da primeira edición coa obra Cos pés no aire. Susana Pedreira conducirá a conversa, que abordará tamén as lecturas e os percorridos literarios das persoas participantes.

A programación da Deputación pecharase ese mesmo domingo, ás 17.00 horas, cun concerto das bandas e proxectos gañadores do concurso musical infantil Quero Cantar no 2026, unha iniciativa da institución provincial destinada a fomentar a creación musical entre a infancia e a mocidade e a dar visibilidade ás novas voces da música galega.

Comparte éste artículo
No hay comentarios