A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren a campaña para a elección da Palabra do Ano 2026

As suxestións do público recolleranse ata o venres 20 de novembro ás 23:59 horas a través do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal). As finalistas someteranse á votación popular do mércores 25 de novembro ao mércores 16 de decembro.

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren hoxe a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2026. A través do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal) o público poderá participar en primeiro lugar na fase de recolla de suxestións ata o venres 20 de novembro ás 23:59 horas. Tras o anuncio das voces finalistas, a votación telemática permanecerá aberta ata o mércores 16 de decembro. A voz gañadora anunciarase nas vésperas do Nadal.

A iniciativa para a escolla da Palabra do Ano anima a toda a cidadanía a pensar ben nesa voz que dalgún xeito resume como se viviron socialmente os últimos meses, ben naqueloutra que permite redimirse colectivamente daquilo que se quere deixar atrás ou mesmo agradecer e proxectar cara ao futuro o bo que trouxo 2026. A proposta galega, fronte ás escollas de palabras do ano noutros idiomas máis centradas decote en neoloxismos, vai deixando así un regueiro de voces que visibilizan desde temas que preocupan especialmente nun momento determinado ata devezos e fontes de ilusión colectiva.

En 2025 a palabra elixida, xenocidio, puxo o foco sobre a preocupante actualidade arredor do termo; en 2024 a palabra escollida foi cantareira, unha afirmación festiva consciente a prol da tradición e a música do pobo coa que o público lle deu a benvida á exitosa celebración do Día das Letras Galegas 2025; en 2023 optouse polo humor coa  elección de cibercarrachopara alertar do auxe da ciberdelincuencia; en 2022 comadre reivindicou a capacidade da fala popular de apelar á sororidade; e en 2021 e 2020  tanxugueiras e  nós actuaron como bálsamo en tempos pandémicos. Con anterioridade o público corou sentidiño (2019),deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) e refuxiado, -a (2015).

Do Portal das Palabras ao Ximnasio Léxico

Alén do Portal das Palabras, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié colaboran na divulgación do léxico do noso idioma a través do Ximnasio Léxico, a aplicación de xogos do Dicionario, e mais a propia aplicación do Dicionario da RAG, ambas as dúas dispoñibles para iOs e Android.

Comparte éste artículo
No hay comentarios