Antonio Ameijide esixe a PSOE e BNG celeridade na execución dos traballos e que se reparen todos os puntos sinalados pola empresa de transporte, xa que está en xogo a seguridade dos escolares e do resto de usuarios da vía.
Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten a PSOE e BNG, tralo anuncio de reparación da estrada LU-P-4112, en Pantón, que as obras de reparación “non sirven para ocultar os anos de abandono que sufriron esta vía e outras da rede viaria provincial, ata o punto de poñer en risco a prestación do transporte escolar”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lembra que foi a propia empresa encargada de realizar catro rutas de transporte escolar no municipio a que alertou formalmente do deficiente estado de conservación de diferentes treitos e da posibilidade de “suspender o tránsito dos seus vehículos polos treitos afectados” para preservar a seguridade dos menores transportados, dos condutores e do resto de usuarios da vía.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que “PSOE e BNG tiveron durante anos esta estrada nun estado lamentable, sen realizar o mantemento necesario, e só reaccionaron cando a empresa de transporte puxo sobre a mesa a gravidade da situación e advertiu de que estaba en xogo a seguridade dos escolares”.
Ameijide destaca que “ata ese momento, Carmela López, o PSOE e o BNG miraron cara a outro lado. Non lles preocupou o estado da estrada nin as consecuencias que podía ter para os nenos que a utilizan diariamente para acudir aos seus centros educativos, nin para ningún outro usuario da vía”.
Neste sentido, o voceiro popular considera que o anuncio de reparación “chega tarde e que agora o que se necesita son feitos, non máis promesas”. “Non abonda con anunciar que se vai arranxar a estrada; é imprescindible actuar con celeridade, sen demoras inxustificadas e reparando todos os puntos que a empresa de transporte identificou como problemáticos. Non se pode deixar ningún deles atrás porque o que está en xogo é a seguridade das persoas”.
O informe remitido pola empresa ao Concello de Pantón, para o seu traslado á Deputación como titular das estradas afectadas, advertía de que catro das rutas escolares que realizan no municipio estaban afectadas, en maior ou menor medida, polo deficiente estado de conservación de distintos treitos da rede viaria.
En concreto, na LU-P-4112 sinalaba o tramo comprendido entre a intersección coa LU-P-4106, no coñecido como Cruce do Reguengo, e a aldea de Galegos, que presentaba desde había aproximadamente dous anos numerosos baches, deformacións e irregularidades na calzada que dificultaban a circulación e afectaban especialmente aos vehículos destinados ao transporte escolar.
Antonio Ameijide lembra que dende o Grupo Provincial Popular levamos moito tempo reclamando máis recursos para o mantemento da rede viaria, cun incremento de 10M€ nos fondos destinados ao mantemento, así como un plan de actuación urxente que dea prioridade ás estradas con maiores danos ou máis tempo sen mantemento. “PSOE e BNG rexeitaron estas propostas e agora queda demostrado o que pode suceder cando se abandona o mantemento das estradas”.
Por iso, Ameijide reclama a Carmela López que deixe de lado os anuncios e se poña a traballar: “A empresa de transporte fixo o seu traballo, advertiu dos riscos e puxo por diante a seguridade dos escolares. Agora a Deputación ten que facer o mesmo: actuar con responsabilidade, arranxar todos os puntos afectados e garantir que unha situación como esta non volva repetirse.
Neste senso, Antonio Ameijide esixe o arranxo urxente da LU-P-4112, así como de toda a rede viaria porque “coa seguridade dos lucenses non se pode xogar, pero moito menos coa de menores de idade”.