O mandatario provincial destacou o peso das administracións locais no conxunto do PIB español, afirmando que “entre un 15 e un 18% do PIB está condicionado á acción de Concellos e Deputacións”.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán a xornada de COSITAL Atlántico sobre o escenario orzamentario das entidades locais para 2027. Durante a súa intervención, advertiu do risco de serios problemas financeiros nos concellos polo incremento dos custos dos servizos públicos e a asunción de competencias doutras administracións sen os recursos necesarios para atendelas.
Formoso retomou a advertencia que trasladou este luns ao Parlamento de Galicia durante a presentación dos orzamentos provinciais para 2027 e reclamou unha reforma financeira e lexislativa que garanta a suficiencia económica das entidades locais. O presidente lembrou que a labor dos concellos é determinante no conxunto da economía nacional, salientando que, do PIB español —de case 1,69 billóns de euros en 2025—, «hai un porcentaxe de entre o 15 e o 18% que está condicionado á acción das entidades locais».
Neste sentido, sinalou que o encarecemento da enerxía, da recollida do lixo, da depuración e do Servizo de Axuda no Fogar está a comprometer a estabilidade económica dos municipios nun contexto de subida brutal nos contratos e no Capítulo 1 dos orzamentos municipais, referido ao persoal. “Chega un momento no que, por moito que se axuste e por ben que se xestione, as contas non dan”, afirmou ante os secretarios, interventores e tesoureiros da administración local participantes no encontro, subliñando que a solución require decisións políticas.
Recursos estables para garantir os servizos públicos e sostemento provincial
O presidente provincial considerou que o incremento anunciado do Fondo de Cooperación Local (FCL) da Xunta supón un avance, pero resulta insuficiente para responder ás necesidades dos concellos. Nese contexto, reclamou que a parte non condicionada deste fondo «debe subir xa a 200 millóns de euros como cifra de referencia mínima».
Formoso puxo en valor o papel clave da institución provincial para evitar o colapso dos municipios, destacando que moitos concellos se manteñen «sostidos por un instrumento que a Deputación implantou con criterios inamovíbeis e consensuados como é o Plan Único (POS)». O presidente destacou que se acadou unha cifra récord de case 180 millóns de euros e advertiu de forma contundente de que, «sen este modelo económico da Deputación, os concellos van facer crack».
Así mesmo, defendeu que as competencias deben ir acompañadas do financiamento axeitado e que as administracións locais precisan ingresos estables para organizar os seus servizos e planificar investimentos. “Un Concello ten que poder planificar, mirar máis alá de pagar a seguinte factura”, sostivo Formoso, que reivindicou a proximidade como a gran fortaleza do municipalismo. Lembrou que as entidades locais son a primeira administración á que acode a cidadanía cando necesita unha resposta, con independencia de quen teña formalmente a competencia. “Esa proximidade é a gran fortaleza do municipalismo. Pero necesita persoal, medios e recursos estables para sosterse”, incidiu.
Neste contexto, insistiu en que o esforzo da Deputación da Coruña aos municipios a través do Plan Único e da asistencia técnica, xurídica e económica debe formar parte dun compromiso compartido: “O esforzo das deputacións precisa dunha resposta acorde por parte das demais institucións”.
Recoñecemento aos profesionais da Administración local
Formoso dedicou tamén parte da súa intervención a recoñecer o traballo dos secretarios, interventores e tesoureiros, esencial para o funcionamento dos concellos e para garantir a seguridade xurídica da xestión pública.
“Cada obra que se licita, cada subvención que se concede ou cada factura que se paga ten detrás un importante traballo que poucas veces se ve”, destacou. O presidente lembrou que esta responsabilidade recae con frecuencia sobre equipos pequenos, que deben adaptarse aos cambios normativos e afrontar unha carga de xestión cada vez maior.
Así mesmo, defendeu a independencia dos profesionais encargados do control dos fondos públicos e a responsabilidade dos representantes políticos de respectala e apoiala. Subliñou que o rigor na xestión protexe os recursos públicos e reforza a confianza da cidadanía nas institucións.
A xornada reúne no Pazo de Mariñán relatores e relatoras do Ministerio de Facenda, do Consello de Contas, da Xunta de Galicia e da Deputación de Sevilla para abordar cuestións como as regras fiscais, o destino do superávit, os plans económico-financeiros, o control e as perspectivas de financiamento local para 2027.