A Deputación da Coruña ultima as obras da nova ponte sobre o río Mandeo en Sobrado, cun investimento de 1,27 millóns de euros

O presidente da Deputación, acompañado do alcalde, Lisardo Santos, e da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou as obras na DP-8001, que permitirán a circulación simultánea nos dous sentidos e incorporan unha beirarrúa para mellorar a seguridade dos peóns.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, supervisou hoxe as obras de construción da nova ponte sobre o río Mandeo, no punto quilométrico 3+100 da estrada provincial DP-8001, acompañado do alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, e da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez. Os traballos, actualmente en execución, supoñen un investimento de 1.271.178,80 euros e permitirán completar a mellora da seguridade viaria neste tramo da rede provincial.

A intervención dá continuidade ás obras de ancheamento e mellora que a Deputación xa executou no resto da estrada, onde a plataforma pasou de ter entre catro e cinco metros de anchura a dispoñer de oito metros. A construción da nova ponte permitirá resolver o estreitamento existente no paso sobre o río e dar continuidade ás condicións de circulación do resto do vial.

A antiga ponte, de apenas cinco metros de ancho, non permitía o paso simultáneo de vehículos nos dous sentidos. Esta limitación condicionaba a circulación nunha estrada que rexistra unha intensidade media de preto de 400 vehículos diarios, dos que o 12 % son pesados.

As obras supoñen a substitución desta estrutura por unha nova ponte de vigas prefabricadas sobre formigón armado, cunha plataforma de máis de nove metros de anchura. Dispón de dous carrís de circulación de 3,5 metros, un por sentido, bermas de 0,50 metros e unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho que facilitará o tránsito peonil en condicións de seguridade.

A actuación permitirá así mellorar a seguridade tanto os desprazamentos dos vehículos como os das persoas que cruzan a pé este punto da estrada, eliminando a necesidade de alternar o paso do tráfico sobre a ponte.

O proxecto incluíu tamén a renovación da sinalización e dos sistemas de contención da estrada, así como a restauración paisaxística da contorna. Estes traballos comprenden a demolición dos tramos de estrada que quedan fóra do novo trazado e a revexetación dos terreos con especies arbóreas autóctonas.

Os traballos avanzan a bo ritmo e está previsto que rematen nos primeiros meses do 2027, completando unha mellora substancial na seguridade viaria das persoas que empregan diariamente esta vía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios