A SGHN solicita rexeitar o proxecto de senda e urbanización no esteiro do Anllóns e a enseada da Insua (Ponteceso)

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ven de rexistrar unha solicitude formal ante o Servizo do Litoral da Coruña (Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático) para que se rexeite de forma total e definitiva a concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT) vinculada ao proxecto de “senda peonil e acondicionamento ambiental do esteiro do Anllóns e da enseada da Insua”, no concello coruñés de Ponteceso.

Un espazo natural protexido e de alto valor ecolóxico

Segundo recolle a documentación técnica do propio proxecto, o ámbito de actuación atópase nun enclave ecolóxico privilexiado e sensible, totalmente incluído na zona de protección de costas, na zona de protección costeira do Plan de Ordenación do Litoral (POL) e na Rede Natura 2000 (ZEPA Costa da Morte Norte). Tal como se detalla nos informes, trátase dun espazo natural con numerosos valores ambientais que combina marisma, estuario, dunas, praias e illotes.

Con todo, dende a SGHN advírtese de que as actuacións previstas non se axustan aos fins lexítimos que xustificarían a ocupación do DPMT:

  • Falsa senda peonil: O proxecto contempla un camiño de 1.100 metros de longo e 2,5 metros de largura, dotado de bordos de madeira tratada e un pavimento firme estabilizado con cemento (5%), saburra artificial e area de mina compactada con apisonadora. A entidade contrasta este deseño urbanizador coa definición estricta de «senda» que recolle a Real Academia Galega, denunciando que na práctica supón unha artificialización innecesaria do espazo natural.
  • Acondicionamento escaso: A vertente ambiental da actuación redúcese, na práctica, á colocación dalgunha papeleira illada.
  • Vulnerabilidade ante o cambio climático: A organización alerta de que as obras proxectadas —ao igual que xa ocorre co camiño preexistente— resultan altamente vulnerables e veríanse destruídas ou gravemente danadas polas enchentes do río Anllóns combinadas coas preamares e temporais, un risco que irá en aumento debido á elevación do nivel do mar.

Incumprimento da normativa europea e dos fondos FEADER

O proxecto pretendía ampararse baixo o obxectivo de fomentar a infraestructura verde, a conectividade e a adaptación climática. No entanto, a SGHN recalca que a intervención incumple a definición comunitaria de Infraestrutura Verde e as metas das estratexias galega, estatal e europea nesta materia.

Ademais, a iniciativa pretendía acollerse a unha convocatoria de axudas de AGADER financiadas polo Feader (Plan Estratéxico da PAC 2023-2027) para servizos básicos en zonas rurais. A este respecto, a SGHN sinala que a urbanización da franxa litoral nun espazo da Rede Natura 2000 vulnera de xeito flagrante o principio obrigatorio de «Non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH), requisito indispensable para acceder a calquera fondo europeo.

Por todo o exposto, ante a falta de xustificación real e o impacto negativo irreversible sobre este ecosistema, a SGHN insta á administración autonómica a denegar a autorización solicitada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios