A Universidade da Coruña acada o podio nos Xogos Galaico-Durienses 2026

A Universidade de Santiago de Compostela foi a vencedora absoluta dos Xogos, seguida da Universidade do Porto e da Universidade da Coruña, que pecha o podio desta competición celebrada nos campus de Elviña e A Zapateira.

A Universidade da Coruña (UDC) pechou este xoves a celebración dos Xogos Galaico-Durienses 2026 cunha destacada participación deportiva, que lle permitiu acadar o terceiro posto na clasificación xeral por universidades e proclamarse campioa na modalidade de fútbol 7 masculino. A competición, que se desenvolveu do 17 ao 19 de novembro nas instalacións deportivas dos campus de Elviña e A Zapateira, reuniu 225 deportistas das seis universidades de Galicia e do norte de Portugal nunha cita que combina deporte, convivencia e cooperación universitaria.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) proclamouse vencedora absoluta desta edición, cun total de 20 puntos, seguida da Universidade do Porto, con 18. A Universidade da Coruña ocupou a terceira posición, con 14 puntos, os mesmos que a Universidade de Vigo, que quedou cuarta. Completaron a clasificación a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), con 9 puntos, e a Universidade do Minho (UMinho), con 7.

Un dos resultados máis destacados para a institución anfitrioa chegou no fútbol 7 masculino, modalidade na que o equipo da UDC se proclamou campión tras vencer por 6-2 á Universidade de Vigo na final disputada este xoves. 

No voleibol feminino, a Universidade da Coruña conseguiu o subcampionato despois dunha emocionante final fronte á USC, que se resolveu en tres sets (25-20, 26-27 e 26-24) a favor do equipo compostelán. 

Pola súa banda, no pádel, a Universidade do Porto conseguiu o primeiro posto nas categorías feminina e masculina, seguida da USC nas dúas modalidades. A Universidade de Vigo completou o podio desta disciplina. 

No baloncesto 3×3, a Universidade do Porto tamén se fixo coa primeira posición nas dúas categorías, mentres que a USC acadou o segundo posto. A Universidade do Minho completou o podio feminino e a UDC quedou terceira na categoría masculina. 

Unha edición marcada pola convivencia e a competitividade

A terceira e última xornada, celebrada o xoves 19 de novembro, estivo dedicada aos encontros decisivos das catro modalidades deportivas. As instalacións universitarias acolleron as finais de fútbol 7 e voleibol, así como os últimos partidos de pádel e baloncesto 3×3, que permitiron establecer as clasificacións definitivas tanto por disciplinas como por universidades.

A edición de 2026 contou coa participación das seis institucións que integran esta iniciativa: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo, a Universidade do Porto, a Universidade do Minho e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Ao longo das tres xornadas, o alumnado e os membros das comunidades universitarias compartiron competicións nas modalidades de fútbol 7 masculino, voleibol feminino, pádel e baloncesto 3×3.

A entrega de trofeos e o acto de clausura tiveron lugar este xoves na Facultade de Ciencias da Educación da UDC. A cerimonia contou coa participación de representantes das universidades asistentes, entre elas a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, e a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria da Universidade de Vigo, Dolores González.

Como anfitrioa desta edición, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Cristina Naya, foi a encargada de pechar o encontro e poñer o broche final a tres xornadas de competición e convivencia. A entrega de premios recoñeceu os tres primeiros equipos clasificados en cada unha das modalidades deportivas, así como as posicións acadadas polas seis universidades na clasificación xeral.

Máis de tres décadas de historia compartida

Os Xogos Galaico-Durienses celebraron a súa primeira edición na Universidade da Coruña en novembro de 1993. Desde entón, as seis institucións participantes alternan a organización do encontro, que está xa consolidado como unha cita anual de referencia para promover a práctica deportiva e fortalecer os vínculos entre as comunidades universitarias de Galicia e do norte de Portugal.

Ao longo de máis de trinta anos, esta iniciativa mantivo o seu carácter de espazo de convivencia, intercambio cultural e cooperación transfronteiriza, cun modelo de competición que aposta pola participación, o compañeirismo e a igualdade de xénero.

Coa clausura desta edición, os Xogos Galaico-Durienses renovan o seu compromiso coa promoción do deporte como ferramenta de relación e colaboración entre universidades. A próxima edición celebrarase en terras portuguesas en 2027, dando continuidade a unha tradición universitaria que suma xa máis de tres décadas de historia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios