O deputado do BNG deu conta do labor do BNG na defensa dos dereitos laborais e fixo fincapé nos incumprimentos do Goberno ao non derrogar a reforma laboral nin a Lei Mordaza.
O cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, deu conta esta mañá ante as persoas delegadas sindicais da CIG o traballo realizado polo BNG no Congreso na defensa dos dereitos laborais e sociais nesta lexislatura. O deputado do BNG pediu aos delegados e delegadas que manteñan o “espírito das mobilizacións da folga xeral do 11N e trasladalo ás urnas o 29N para un BNG máis forte que será a garantía dunha Galiza máis forte, con peso, e con máis dereitos para as maiorías sociais”.
Un acto no que estivo acompañado por Mercedes Queixas, candidata, e por Alberto Lema, tamén candidato.
BNG sempre na defensa dos dereitos das clases traballadoras
Comezou por advertir sobre a axenda de recortes que xa anuncia o PP en materia socio laboral: “Adiantaron que van conxelar o SMI e recortar as pensións”. Mais tamén puxo de manifesto todos os incumprimentos do actual Goberno neste ámbito, destacando a non derrogación íntegra da reforma laboral, lembrando que o BNG votou en contra das súas contra reformas dado que non eliminaron aspectos moi lesivos. Neste sentido, salientou a iniciativa do BNG, conxuntamente con ERC e EH Bildu, presentando unha proposición de lei “na que si eran derrogados todos os recortes introducidos pola reforma laboral do PP”, mais lamentou que as forzas no Goberno votasen en contra.
“Tampouco derrogaron a Lei Mordaza. E non só non a derrogaron senón que é o Goberno que máis a aplicou con moita diferencia”, subliñou. Lembrou que Sánchez anunciara ese compromiso en campaña, porén, “oito anos despois non o fixo”. Trátase dunha norma que “é utilizada sistematicamente para vulnerar o dereito de manifestación e para coartar a liberdade de expresión como se fixo coas persoas que se manifestaban por Palestina na Volta ciclista, na folga 11N ou a mocidade que se manifestou na Coruña contra os fascistas”.
En canto ás promesas de reducir a xornada laboral, censurou a pouca ambición do Goberno “coas 37 horas que non sacaron adiante e salientou que o “BNG foi a única forza política que levou ao pleno unha proposición de lei para reducir a xornada a 35h sen redución salarial”, enfatizando que o obxectivo “é traballar menos para vivir mellor e permitir que mais xente traballe”.
Sobre as pensións, alertou sobre as pretensións do PP “de recortalas e privatizalas”. Mais, criticou tamén as reformas feitas polo PSOE nos últimos anos con tres reformas no sistema de pensións “nada positivas”. Así, sinalou que mantiveron os elementos negativos da reforma de 2011 e que agravou Rajoy. Non recuperaron a xubilación a 65 anos. Manteñen a penalización das xubilacións anticipadas en carreiras de longa duración o tempo que fomentan con cartos públicos a xubilación demorada. Considerou un “contrasentido alargar a idade de xubilación cando vivimos un contexto de elevado desemprego xuvenil que impides que a xente moza acceda á vida laboral”.
Deixou claro que o BNG se opuxo a todas esas reformas porque “defendemos un sistema público de pensións e revalorizadas, así como subir as mínimas e non contributivas por riba do IPC, algo que contribúe á redución da fenda de xénero. Actuamos tamén para que as pensións mínimas e os SMI subise até 60% do salario medio como manda a Carta Social Europea, criticando a última suba do SMI que está por debaixo.
Finalizou animando aos delegados e delegadas sindicais a facer posíbel un “BNG máis forte en Madrid para poder seguir exercendo nas Cortes a defensa dos dereitos laborais e poder contribuír ao avance da transformación social e democrática deste país”.