A psicóloga social Sara Pérez Calavia analizará este xoves como determinados contidos dixitais contribúen a perpetuar a desigualdade de xénero e a normalizar a violencia contra as mulleres. A actividade, de balde e aberta a toda a sociedade, poderá seguirse en liña, en directo ou en diferido, ou presencialmente no salón de actos da UNED de Lugo.
As redes sociais convertéronse nun escenario de difusión de novos discursos que, baixo a aparencia de tendencias ou estilos de vida, recuperan modelos tradicionais de desigualdade entre mulleres e homes. A súa influencia na sociedade, especialmente entre as novas xeracións, centrará a actividade coa que a UNED de Lugo se suma á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Baixo o título «Influencers, roles de xénero e a perpetuación da violencia contra as mulleres», o encontro terá lugar este xoves, 26 de novembro, ás 12:00 horas, e estará impartido por Sara Pérez Calavia, psicóloga social con experiencia en Puntos Violeta.
A relatora abordará fenómenos como a manosfera, os incels ou as tradwives, analizando como determinados discursos antifeministas atopan nas plataformas dixitais novas vías de difusión e presentan a desigualdade de xénero como unha opción de vida.
Cun formato dinámico e participativo, a sesión convidará a reflexionar sobre a influencia destes contidos na construción das relacións sociais, a perpetuación dos estereotipos de xénero e a normalización de comportamentos de submisión e dominación.
A actividade forma parte do programa ODS en Acción, promovido polo Observatorio ODS da UNED, e está organizada pola Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede na UNED de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo.
Vinculada ao ODS 5 da Axenda 2030, Igualdade de Xénero, a proposta reforza o compromiso da UNED de Lugo coa prevención da violencia contra as mulleres, a sensibilización social e o pensamento crítico fronte aos discursos que perpetúan a desigualdade.
A participación é de balde e está aberta a toda a sociedade, previa inscrición. A sesión desenvolverase de 12:00 a 13:00 horas e poderá seguirse en liña, en directo ou en diferido, ou presencialmente no salón de actos José Luis Prieto Arroyo da UNED de Lugo.
Máis información e inscricións: https://extension.uned.es/