O Concello de Lugo adxudica o seu primeiro Plan de Igualdade e fai balance da atención a vítimas de violencia machista polo 25N

Coincidindo cos actos conmemorativos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N), a alcaldesa, Elena Casndia reafirmou o seu compromiso de destinar todos os recursos dispoñibles para garantir que ningunha muller que precise axuda quede sen atención. Desde o goberno local expresaron o desexo de que chegue o día en que non sexa necesario conmemorar esta data, subliñando que o apoio ás vítimas debe traducirse en medios materiais, coordinación entre administracións e acompañamento directo.

No marco das políticas de igualdade, o Concello vén de adxudicar á consultora Grupo Isonor a elaboración do primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da institución municipal. De feito, representantes municipais mantiveron esta mesma mañá unha reunión de traballo coa empresa adxudicataria para planificar o inicio dos traballos.

En materia de seguridade e protección, o executivo local destacou a constitución, o pasado 28 de outubro, da Mesa de Coordinación Policial do sistema VioGén, un órgano deseñado para mellorar a resposta e a coordinación entre os distintos servizos e corpos implicados na protección das vítimas de violencia de xénero.

Así mesmo, o Concello fixo balance da actividade asistencial prestada ao longo do presente exercicio a través da Casa da Muller e do Centro de Información á Muller (CIM). Segundo os datos municipais, no que vai de 2026 un total de 137 mulleres acudiron por primeira vez á Casa da Muller en busca de asesoramento ou apoio. Pola súa banda, os tres pisos municipais de acollida deron cobertura este ano a 14 mulleres e 10 menores.

Desde a institución municipal incidiron en que seguirán traballando desde a responsabilidade e a colaboración co tecido social e o resto de administracións, co obxectivo de que ningunha muller se sinta soa e todas poidan contar co respaldo necesario.

Comparte éste artículo
No hay comentarios