A sala permanecerá pechada durante a execución dos traballos, cun tempo estimado de tres semanas
A partir do luns 11 de setembro o planetario da Casa das Ciencias comazará coa renovación do seu sistema de proxección dixital tras a adquisición dun modelo de última xeración. O Goberno de Inés Rey investiu 214.000 euros na sustitución dun equipo que este ano cumpre 14 anos dende a súa instalación. O novo sistema aproveitará a mellora na potencia dos ordenadores e as tecnoloxías de proxección para ofrecer unha experiencia inmersiva de calidade moi superior á do sistema ao que substitúe. A instalación destes equipos suporá unha parada técnica do planetario de tres semanas. O resto do museo pódese visitar con normalidade todos os días en horario de 10.00 a 19.00 horas.
O novo sistema contará con proxectores de tecnoloxía LED e o software Digistar 7, desenvolvido pola empresa Evans&Sutherland, o que proporcionará unha experiencia con maior resolución e imaxes máis reais para trasladar aos usuarios e usuarias a outros planetas ou viaxar pola Vía Láctea e o resto do universo. O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta polos Museos Científicos Coruñeses e continúa deste xeito renovando os equipamentos para uso e gozo da cidadanía. No 2022 renovouse o módulo do parto da Domus tras 27 anos. No Aquarium, tamén no 2022, estrouse un novo tanque con especies de augas profundas.
A renovación do sistema do planetario non supón perder o emblemático proxector analóxico de estrelas Zeiss, que convivirá co novo sistema e complementarao nalgunhas sesións. Quen primeiro estreará o renovado planetario serán o alumnado escolar do curso 2023/24, un público que o curso anterior superou a cifra de 30.000 persoas, e que a partir de outubro descubrirá a noite estrelada como nunca ata o de agora.