PSOE Pontevedra: “Non imos permitir que a nosa cidade renuncie aos 25 M€ comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica”

por Redacción Pontevedra

O portavoz municipal, Iván Puentes, asegura que o seu partido estará «vixilante» para que Costas reciba tódolos proxectos pendentes en tempo e forma e ofrécelle ao BNG «toda a colaboración para que Pontevedra non perda estes investimentos fundamentais para a renaturalización de tódalas súas ribeiras fluviais»

Os socialistas de Pontevedra subliñaron esta mañá, no marco dunha visita á vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, convertida nun espectacular miradoiro a través da estratexia Pontevedra Flúe, a importancia transformadora que os 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica terán para o noso concello. Tanto a candidata ao Congreso Marica Adrio como o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, que estiveron acompañados polos concelleiros Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey, advertiron de que os socialistas «non imos permitir que a nosa cidade renuncie a estes investimentos fundamentais para a renaturalización de tódalas ribeiras fluviais de Pontevedra».

Tal e como lembrou Iván Puentes, «no río Lérez concéntranse a maioría dos investimentos que o Goberno de España trouxo para este municipio no pasado mandato, desde logo os máis apaixonantes, os que máis futuro e ilusión lle dan a esta cidade e que teñen por obxectivo final renaturalizar o río, recuperar as nosas ribeiras e gañar espazos verdes e de lecer no seu contorno, nos seus afluentes e nos espazos naturais vencellados a el», converténdose «nun novo atractivo e recurso turístico para captar máis visitantes que xeren actividade económica e emprego». Puentes sinalou que «o primeiro deses aperitivos foi a recuperación da antiga vía do ferrocarril, un miradoiro que supón o chanzo inicial doutros dous proxectos para os que xa temos cartos concedidos e ingresados no Concello de Pontevedra e que, polo tanto, estamos preparados para executar: a continuidade do miradoiro cara á parroquia de Lérez e, dentro dos máis de 4 millóns de euros concedidos de fondos europeos para o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, a súa conexión coa futura vía verde a Vilagarcía».

«Durante o pasado mandato, con moitas conversas, traballo e esforzo, conseguiuse que a estratexia Pontevedra Flúe, que aglutina todos estes ilusionantes proxectos, acadase un financiamento de 25 millóns de euros. Xa se redactaron os anteproxectos, polo que temos un camiño moi avanzado, pero agora -apuntou Iván Puentes- é necesario dar o seguinte paso, consistente na redacción dos proxectos de execución material pendentes. O compromiso é entregarllos a Costas á volta do verán, polo que é necesario que se inicie a súa contratación neste mes de xullo, de xeito que o Ministerio poida licitalos e executalos antes de que remate o ano 2025 (o propio Ministerio encargarase da redacción de dous deles, o da Xunqueira de Alba e o da praia fluvial de Ponte Sampaio, e dos que corresponden ao Concello, os máis perentorios serían os dos treitos que discorren entre as pontes dos Tirantes e Santiago, a ponte de Santiago e A Xunqueira de Alba e a desembocadura do río Rons e o Nó de Bombeiros)».

Segundo anunciou Puentes, «o Partido Socialista vai estar vixilante para que eses prazos se cumpran, non se dilaten, non se deixe pasar o tempo e non se comprometa por culpa disto o investimento dos 25 millóns de euros, e ademais imos facer o que nos toca e nos gusta facer como oposición, que é ser construtivos e ofrecerlle ao BNG, ao Goberno Local, toda a nosa colaboración, experiencia e coñecemento destes catro anos previos para que os proxectos poidan ser redactados e executados o máis axiña posible».

Unha maior ambición climática

Marica Adrio afirmou que «ante o negacionismo do cambio climático, os socialistas defendemos o dereito ao medio ambiente e a participación cidadá, un país que aborda con valentía a emerxencia climática desde a xustiza social e a equidade e o dereito a un medio ambiente saudable e á seguridade climática». A candidata do PSOE ao Congreso asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez «garantirá o acceso á auga para os consumidores vulnerables e reforzará a lexislación en materia de acceso á información, participación e xustiza ambiental», impulsando tamén «unha maior ambición climática no ámbito internacional e a búsqueda de acordos para preservar os océanos, a diversidade e a redución de plásticos».

Adrio sinalou que o PSOE entende o medio ambiente «como garante de saúde», xa que «un medio ambiente san constitúe a base insubstituíble da nosa saúde e da nosa calidade de vida». «Queremos cidades saudables -engadiu- nas que se recupere o espazo público para os veciños, como fixo o noso portavoz e concelleiro Iván Puentes en Pontevedra».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario