Este plan, que comezará a implantarse en 2024, busca “poñer nome e apelidos” a cada tumor para entender “como se producen, como evolucionan e como se pode loitar contra eles”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Santiago a Estratexia de Oncoloxía de Precisión que permitirá á sanidade pública avanzar na medicina personalizada e aplicar tratamentos aínda máis eficaces para cada tipo de cancro. “Queremos poñerlle nome e apelidos a cada tumor, entender como se producen, como evolucionan e como se pode loitar contra eles”, indicou o titular do Goberno autonómico.
Tal e como explicou Rueda, grazas a esta Estratexia -que comezará a implantarse en 2024- vaise impulsar “o diagnóstico molecular”, ás terapias dirixidas para personalizar os tratamentos e vaise facilitar o acceso “a terapias innovadoras”. Deste xeito, os profesionais sanitarios poderán establecer decisións terapéuticas personalizadas en función das características moleculares de cada tumor.
Para avanzar cara esta medicina máis personalizada, a Estratexia de Oncoloxía de Precisión contempla a creación dun grupo de expertos que xestionará todo o coñecemento neste ámbito e coordinará as actuacións; a elaboración dun catálogo de biomarcadores -que indicará que características buscar nos tumores e como actuar ante cada un deles-; a creación dunha rede de laboratorios de análise xenético-molecular ou o impulso da historia clínica molecular.
O presidente da Xunta subliñou que esta folla de ruta -que se engloba na Estratexia de Xestión do Cancro aprobada o pasado ano- completase con outros avances impulsados pola Xunta para modernizar e mellorar a calidade asistencial aos pacientes coma a dixitalización dos servizos de anatomía patolóxica -que usará intelixencia artificial para interpretar mellor as mostras-; o futuro centro de fabricación de fármacos CAR-T -que comezará a funcionar a principios de 2024-, o centro de protonterapia que vai construírse en Santiago; a ampliación dos cribados ou a renovación do equipamentos nos centros sanitarios.
Rueda subliñou o compromiso da Xunta con seguir mellorando o sistema sanitario público. “Investir en sanidade sempre renta”, indicou para resaltar que isto implica desde medidas para “coidar dos profesionais ata contar con boas instalacións ou ter bos equipos tecnolóxicos”.