O Grupo Socialista acusa a Feijóo e Rueda de “disparar a débeda pública de Galicia ao maior nivel da historia mentres precarizan servizos públicos”

por Redacción Galicia

Begoña Rodríguez Rumbo critica que deixen “un pufo” de 4.500 euros por cada galego e galega ao incrementar a débeda ata os 12.300 millóns de euros

A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe a Rueda e Feijóo de disparar a débeda pública de Galicia ata os 12.300 millóns de euros, o máximo histórico, mentres recortan e precarizan os servizos públicos. Anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para “saber por que mentres a Xunta incrementa a débeda pública non mellora a vida dos galegos e das galegas”.

A responsable socialista tomou os datos feitos públicos polo Banco de España alertando de que Rueda e Feijóo teñen multiplicado por 2,5 a débeda pública de Galicia en 14 anos, dende os 4.800 millóns dos últimos orzamentos do presidente socialista Pérez Touriño. Rodríguez Rumbo volveu contra o PP o argumento do propio Feijóo ao sinalar que lle teñen deixado “un pufo” de máis de 4.500 euros por cada galego e galega.

Rodríguez Rumbo subliñou que este é o saldo de 14 aos de políticas neoliberais do PP en Galicia, que “desbota o argumento de que tanto Feijóo como Rueda son bos xestores”, xa que combinan maior débeda coa precarización dos servizos públicos e a rebaixa do 50 por cento do imposto do Patrimonio aos máis ricos. Resumiu que co maior endebedamento en 14 anos “non temos mellores contas públicas nin mellora na calidade de vida dos galegos e das galegas”.

Sinalou os recortes e precarización da sanidade, con 976 profesionais menos en atención primaria, unhas listas de espera “inasumibles” e falla de especialistas que marchan “porque non soportan a precarización dos servizos e das condicións laborais”. O mesmo sucede co ensino, con menos profesores, aulas masificadas e as familias facendo fronte ao inicio de curso escolar máis caro, ou na Dependencia, con Galicia á cola do Estado en investimento e esperas de ata 4 anos.

Acusou ao goberno galego de “abandonar os servizos públicos” mentres responsabilizan a concellos e goberno central da súa propia “falla de xestión e ineficacia”, demostrando que “non son bos xestores”.

Alternativa real

En reposta a preguntas dos xornalistas, Rodríguez Rumbo sinalou hoxe que o PSdeG constitúe “a única alternativa real para cambiar o proxecto acabado, rematado e caduco que no da para máis do PP”, e sinalou que “así o vamos a demostrar cando Rueda ou Feijóo convoquen as próximas eleccións autonómicas”. Ata ese momento os socialistas galegos continuarán co traballo de contacto cos sectores sociais e económicos ofrecer alternativas ás súas necesidades.

A responsable socialista criticou a nova campaña preelectoral anunciada polo PP que consiste en levar ao presidente da Xunta “de cañas”, e reclamou que “o bus sexa pagado polo seu partido e non pola Xunta, como dicían algúns medios de comunicación”. Emprazou a Rueda a “diferenciar o que son fondos públicos de goberno do que son os fondos das formacións políticas”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario