Lage subliñou que «seguimos facendo realidade un soño, que é a Cidade das TIC, inaugurando as segundas instalacións dun gran ecosistema tecnolóxico para toda Galicia, non só para a cidade de A Coruña, despois da apertura do Centro de Servizos Avanzados, que tivo lugar hai un mes».
O deputado indicou que «no mes de xaneiro constituiremos a sociedade de xestión da Cidade das TIC, un paso relevante e definitivo para este polo tecnolóxico, que xa é unha aposta do coñecemento, ciencia, talento e un proxecto económico de futuro».
O Galaxy Lab do Instituto Tecnolóxico de Galicia vai ser o maior laboratorio avanzado en intelixencia artificial aplicada a drons. Unha iniciativa pioneira en Europa, que permitirá situar á cidade da Coruña e á súa área de influencia como unha referencia no eido das novas tecnoloxías.
«Coa posta en funcionamento da Cidade das TIC ábrese un novo horizonte de posibilidades, establecendo unha localización estratéxica como polo de emprego no sector tecnolóxico e audiovisual», afirmou o deputado.
O representante provincial apuntou que «Galicia conta xente preparada e capaz, con ideas, que tan só precisaba ter ao seu alcance a plataforma e as ferramentas necesarias para levar adiante os seus proxectos».
Colaboración entre as administracións para situar á provincia da Coruña no mapa tecnolóxico
Lage destacou a colaboración institucional á hora de executar este proxecto, posto que «na Cidade das TIC implícanse o Goberno Central, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña, ademais do Clúster TIC, o ITG e outras entidades».
«A través deste compromiso, que se completa coa decisión do Goberno central de instalar aquí na Coruña a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, España convértese no primeiro país europeo en ter un órgano destas características e a nosa provincia sitúase no mapa nacional e internacional» engadiu.
Coa posta en marcha da AESIA, España anticípase á entrada en vigor do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, posto que a entidade será a encargada de supervisar a aplicación da normativa en materia de intelixencia artificial.
A Deputación e o Goberno central apostan polo sector audiovisual na Cidade das TIC
A Cidade das TIC contará cunha gran aposta polo sector audiovisual por parte do Goberno central e da Deputación da Coruña. Coruña Estudo Inmersivo suporá un investimento de 8,5 millóns de euros, cofinanciado entre ambas entidades.
Será o maior estudo de produción virtual de España, que contará cunha superficie de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros acollerán un plató de características únicas, capaz de recrear calquera escenario de real ou de ficción.
Permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou de videoxogos.
Segundo sinala Lage, «este estudo inmersivo revolucionará o audiovisual galego, permitindo que a nosa terra continúe avanzando na que é unha das súas maiores potencias».
«Coa posta en marcha do CEI, Galicia situarase como punta de lanza do proxecto HUB Audiovisual España e establecéndose, do mesmo xeito, como un polo de referencia a nivel europeo» concluíu.
O Plan España, Hub audiovisual de Europa está dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata o ano 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.
A industria audiovisual xera na actualidade en Galicia máis de 4.500 empregos e factura máis de 411 millóns de euros, representando unha gran importante da economía galega