Máis de oitenta nenos e nenos están a participar na ludoteca de Nadal do Concello de Verín, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín, dependente da Área de Benestar Social.
Esta mañá, a concelleira responsable da citada área, Rosario Rodríguez, estivo presente no Pavillón Municipal para saudar aos menores presentes que, na xornada de hoxe, desfrutaban de divertidos xogos inchables e variadas manualidades temáticas de Nadal.
O obxectivo principal desta iniciativa é facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal, ofrecendo aos pais e nais unha opción segura e divertida para os seus fillos e fillas. Ludonadal tamén busca proporcionar un espazo de lecer educativo e entretemento para os nenos e nenas, permitindo aos adultos realizar as súas compras ou recados no comercio local sen preocupacións.
O Ludonadal desenvólvese no Pavillón de Deportes dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro, en horario de mañás e tardes, de luns a venres (de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas), e polas mañás os sábados (9:00 a 14:00 horas). Os participantes poderán elixir entre diferentes opcións de tarifas: 80 euros para todos os días e horas; 50 euros para mañás ou tardes; 10 euros (día completo) ou 6 euros (medio día).
Dentro do marco de Ludonadal, os menores (de 3 a 11 anos) disfrutarán dunha ampla variedade de actividades, como inchables, ximcanas, tobogáns, obradoiros de decoración de Nadal, xogos de busca de agasallos, contos de Nadal con enfoque educativo sobre igualdade, excursións, festas temáticas e espectáculos infantís ou a visita do Ratiño Pérez, entre outros.
Para inscrición e máis información, os interesados poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil na Casa da Xuventude ou chamar ao teléfono 988-414776.
Un Nadal cheo de diversión e aprendizaxe agarda aos máis pequenos de Verín grazas a Ludonadal.