O grupo municipal socialista de Arteixo reclamará no pleno de xaneiro actuacións de mellora no lugar do Cancelo e na contorna do parque infantil de República Dominicana ante o desleixo do goberno local.
A portavoz dos socialistas de Arteixo, Ana Cedeira, explica que recentemente o goberno local tivo que renovar a zona de xogos infantís da zona das Repúblicas, construída en 2019 “tras anos de insistencia deste grupo municipal”, pero rematadas as obras de renovación “sería desexable que se levaran a cabo actuacións para deixar o entorno limpo e ordenado, retirar os escombros presentes, construír unha nova beirarrúa e amañar o enlace da parcela coa beirarrúa”.
Parque infantil, República Dominicana
Por outra banda, Cedeira sinala a inseguridade viaria pola inexistencia de beirarrúas e camiños con ancho suficiente no Cancelo na parroquia de Loureda, “un barrio residencial onde se concentran un importante número de viandantes do noso concello pola súa cercanía ao núcleo urbano de Arteixo e ser un lugar agradable para camiñar na natureza”. “Son precisas actuacións do goberno local para dotar de camiños sen perigo para poder garantir a seguridade daqueles que pasean ou viven neste barrio” demanda a voceira socialista.
DEIXADEZ NO CONTROL DE COLONIAS FELINAS
Ademais do desleixo no mantemento de infraestruturas en diferentes parroquias do concello, o grupo socialista tamén denuncia a deixadez do goberno local no control de colonias felinas.
A nova lei de benestar animal establece que os concellos son os responsables civís das colonias felinas no municipio, e dende a súa entrada en vigor están obrigados a capturalos, identificalos, castralos e vacinalos.
“Dende 2018 diferentes colectivos reclámanlle ao concello mellorar a calidade de vida destes animais e controlar a súa poboación coa colaboración de asociacións protectoras de animais” recorda Ana Cedeira, fronte a pasividade do goberno local.
Os socialistas reclaman que o goberno local elabore un protocolo de xestión das colonias felinas en Arteixo en colaboración cas entidades de protección e particulares, unha campaña de información e sensibilización entre a poboación arteixá e que modifique as ordenanzas municipais necesarias para o cumprimento da lei.