Dun tempo pasado e feliz, aínda recente pero tamén, ao mesmo tempo, xa lonxano. E desde logo, no que respecta á Selección Galega así é, porque os invernos seguen a pasar sen que poidamos desfrutala, sen ver ese talento patrio e esa sede de identidade propia colmadas, sinxelamente porque quen pode facelo realidade, non quere. Por desleixo, ignorancia ou por temor a que de repente os galegos e galegas descobran que son algo máis que súbditos do reino español. Tamén habitantes dun país coa súa idiosincrasia que só aspiran a que vexamos reflectida en festas gastronómicas e verbenas, procesións e pleitesía ao turismo.
Aquela noite fría de decembro en San Lázaro segue na memoria dos que vimos ese partido co corazón encendido, ardente de desexo e orgullo. Expectantes por fin despois da longa noite de pedra que nos impedira mergullarnos nese fervor por unha «Irmandiña» que pensabamos chegaba para quedar. Arsenio e Fernando Vázquez no banco de adestradores representando o xen do fútbol galego, ese que nace no medio do peito, que viste as cores por fóra pero sobre todo por dentro, que representaba coma ninguén o sentir de toda unha bancada. Os Cabrejo e Juanito, xogadores da casa, de vilas como Camariñas e Sigüeiro onde son paixón e devoción ademais de triunfar lonxe das súas comarcas. De Ricardo Cabanas, internacional por Suiza no vivo retrato da Galicia emigrante, de Otero e Míchel Salgado, de Fran e Borja Oubiña….De todos eses xogadores que espertaban a nosa admiración xogando cos seus clubs e que aquel día, ante Uruguai, demostraban que podían ir xuntos baixo a mesma bandeira. É xaneiro, outro novo ano que comeza e no que a morriña xa corre sen balón a instalarse nese revuncho das cousas que non vivimos, pero que tampouco esquecemos.