Quero dar a benvida ao novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, don Fernando García Cadiñanos, un burgalés de 53 anos, con gañas de traballar por unha Igrexa comprometida cos pobres, moi na liña do Papa Francisco. Ou sexa, un cristiá.
A súa primeira mensaxe dirixida á comunidade cristiá da que vai ser o seu pastor faino na lingua de Rosalía, a nosa, a que desexa aprender no futuro. Unha maneira respectuosa de achegarse a este pobo, cousa que aínda moitos dos nosos cregos naturais da terra non o fan, como se o galego non fora digno da palabra de Deus, ademais dun incumprimento, coma moitos outros, das regras establecidas polo Concilio Vaticano Segundo celebrado nos anos sesenta do século pasado. O novo prelado comeza ben, pois, a súa peregrinaxe por estas terras, un achegamento sinxelo ás súas xentes, cousa que lle debemos agradecer.
Na súa primeira mensaxe aos fieis, o señor García Cadiñanos fai unha apelación á longa tradición e fondas raíces da comunidade cristiá de Mondoñedo-Ferrol. Unha referencia certa, mais hoxe envellecida e mergullada nunha fonda crise que lle impide desenvolver e visualizar o papel dunha comunidade activa e forxada nos auténticos valores do Evanxeo, dos que deu exemplo Xesús, entregando a súa propia vida. Un reto que se torna difícil para todo pastor e para a propia comunidade integrada por aquelas e aqueles que seguendo a tradición nos achegaron ao bautismo, a inmensa maioría afastados hoxe daquel compromiso espiritual.
Un dos principais problemas con que se enfrenta esta comunidade é a falla de recursos humanos adecuados para atender a todas e cada unha das necesidade tal como se tén feito tradicionalmente e que tan bos resultados tén acadado a Santa Nai. Coido que voltar a iso, nin coa axuda do mesmo Espírito Santo, sería posible, nin tampouco, supoño, desexable para os tempos que corren, sería como nos di aquela parábola “meter o viño novo en odres vellos”, tendencia da que se cadra proveñen algún dos males que hoxe padecemos e que teñen contribuído á crise e afastamento do que antes falabamos. Ante tal situación, se cadra se debería facer da necesidade virtude na procura de novos e renovados recursos humanos, poñendo a mirada na muller, pois ela tamén é filla de Deus.
Outro dos aspectos aos que deberá enfrentarse o novo bispo é o estado de aversión que está a xerar nos parroquianos a imprantación das UPAs. (Unidades Pastorais), unha especie de concentración do culto en determinados puntos de maior aforo urbano, feito que vai, inexorablemente, en detrimento e, incluso, na desaparición de facto das igrexas parroquiais do rural. Pois se eliminamos a súa función e razón de ser, para que serven? A xente do rural temos unha longa experiencia de que cando neste eido se baixa un chanzo, xa non se volve a recuperar.
Outra cuestión e non cativa, é o feito de prescindir dos templos parroquiais para a celebración da Eucarístia nos funerais dos nosos seres queridos, ese derradeiro honor naquel lugar do que tantas vivencias e sentimentos gardamos no noso corazón. Agora todo semella máis sinxelo: do negocio dos mortos, directo ao burato que agarda no cemiterio. Isto non só é o parecer do que suscribe, senón o clamor da inmensa maioría dos parroquianos cando expresan a súa libre opinión.
Sen dúbida, outro dos males da Igrexa foi ir acomodándose ás esixencias dos que se achegan a ela só para facer negocio, os novos mercaderes, máis sofisticados cá aqueles que botou fóra do templo fai máis de 2.000 anos o fillo do carpinteiro.
Sei que cando se perde a fe nunha cousa non é doado recuperala, e a Igrexa non é unha excepción. Este tempo complexo e difuso que estamos a vivir, demanda cada vez máis de referentes que dean exemplo de vida renovada, baixando á raíz, que son os alicerces do pensamento que nos concita e que nos debe unir naquela máxima que non debe esmorecer, a do AMOR AO PRÓXIMO, a ese que está ao noso carón.