José Tomé Roca foi nomeado vogal do órgano de xestión deste organismo na Asamblea Xeral que se celebrou hoxe na cidade portuguesa de Vila Nova de Famalicão e na que resultou elixido presidente, Luís Nobre, de Viana do Castelo
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicará as necesidades da provincia de Lugo desde a Executiva do Eixo Atlántico. O seu nomeamento como vogal do novo órgano de xestión deste organismo produciuse na Asamblea Xeral que se celebrou este xoves na cidade portuguesa de Vila Nova de Famalicão e na que resultou elixido como presidente Luís Nobre, dirixente da localidade de Viana do Castelo. A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asumirá a Vicepresidencia da Mesa da Asamblea Xeral.
Á reunión asistiron alcaldes e concelleiros das 42 entidades galegas e portuguesas que conforman desde hoxe este organismo, tras a incorporación do municipio de Fafe (Braga), co obxectivo de facer balance dos últimos dous anos, nomear unha nova xerencia e aprobar o programa para a anualidade 2024, que contará cun orzamento de 4,8M€ e terá por obxectivo mellorar a competitividade para o desenvolvemento económico.
Logo da reunión, que tivo lugar no Centro de Estudos Camilianos, José Tomé Roca valorou o traballo do Eixo dos últimos anos, coa xerencia presidida pola exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e avanzou que seguirá defendendo e reivindicando os intereses e necesidades da provincia no seo da entidade transfronteiriza. “Foron dous anos nos que a sustentabilidade e as políticas sociais marcaron a acción deste organismo”, sinalou, e como Vicepresidente da Comisión Política de Innovación Social saínte, Tomé Roca destacou o obxectivo acadado de elaborar un Mapa de Cohesión Social, o punto de partida para deseñar o futuro dos territorios do Eixo en clave de desenvolvemento e universalidade no acceso aos servizos públicos.
O Presidente da Deputación fixo estas declaracións tras a asemblea na que se presentou o informe de xestión política dos últimos catro anos, nos que Lara Méndez compartiu presidencia con Ricardo Rio, Alcalde de Braga. Tal e como valorou o propio Rio sobre este documento, “recolle o período máis difícil da historia do Eixo Atlántico, nun momento no que as cidades estaban aínda recuperándose da crise económica do 2008, irrompeu a pandemia, a crise derivada e posteriormente as guerras de Ucraína e Gaza”.
Cumpríronse todos os obxectivos do programa 2023, a pesar do cambio no marco político no que se moven as actuacións do Eixo pola dimisión de Antonio Costa en Portugal e o dobre proceso electoral que viviu España en poucos meses.
O Eixo impulsou o segundo informe socioeconómico da entidade, así como unha axenda de medidas para frear o despoboamento no interior da Eurorrexión. Ademais, o proxecto de Fronteira da Paz entre Brasil e Uruguay e o comezo das relacións institucionais coa Oficina do Historiador da Habana e as cidades de Avellaneda, en Arxentina, e Riveira, en Uruguay, iniciou o camiño transatlántico do Eixo.
No que ten que ver coas infraestruturas, continuou a presión a ambos gobernos pola liña Ferrol- A Coruña- Lisboa, onde se avanzou na licitación do estudo informativo previo do primeiro tramo da saída Sur de Vigo que realizou o Goberno de España e que levaba máis dunha década paralizado. Ademais, na actualidade estase traballando na xestión da liña norte Ferrol-A Coruña e Lugo-Monforte, así como a súa inclusión no Corredor Europeo do Atlántico.
Finalmente, no ámbito da cultura, educación e turismo continuaron impulsándose actuacións como a Feira Expocidades en Valongo ou os intercambios escolares. Ademais, Lugo acolleu máis de 40 actividades de diferentes disciplinas artísticas no 2023 como Capital da Cultura do Eixo.