Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellores datos de listas de espera para cirurxías

por Redacción Galicia

O tempo medio de espera en Galicia sitúase en 67 días, oito menos que hai un ano, e 61 por debaixo da media española (128 días)

O sistema sanitario público galego sitúase como o terceiro con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, dentro do Sistema Nacional de Saúde. Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, os datos a decembro de 2023 reflicten que o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia sitúase en 67 días (61 menos que a media española) situada en 128 días.

Neste senso, e atendendo a comparativa interanual, entre os meses de decembro do ano 2022 e decembro de 2023, o sistema sanitario público galego conseguiu reducir en 8 días o tempo de agarda dos pacientes galegos que precisan dunha intervención cirúrxica. Así, ao peche do pasado ano, a comunidade galega situouse só por detrás do País Vasco (63 días), e da Comunidade de Madrid (51 días). 

No que atinxe á porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para unha intervención, Galicia tamén se posiciona como o terceiro sistema sanitario nacional con mellores datos. Así, na nosa comunidade esta porcentaxe sitúase no 2,7% dos casos, catro puntos por debaixo dos rexistros de decembro de 2022, e moi lonxe dos 24,3% da media do Sistema Nacional de Saúde

Finalmente, e respecto dos tempos de espera para acceder a unha primeira consulta, o sistema sanitario público galego sitúase en quinta posición, ao presentar 73 días de media (28 menos que a media española), fixada en 101 días.

A Xunta de Galicia agradece o labor e esforzo do conxunto de profesionais do Servizo Galego de Saúde, e segue a traballar na procura de acadar os históricos datos de lista de espera do ano 2019, que se viron interrompidos pola irrupción da crise sanitaria provocada pola covid-19.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario