O Concello revisará os acordos plenarios do ano 1962 que supuxeron a usurpación da Casa Cornide por parte da familia Franco

por Redacción A Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do pleno municipal, na que os grupos da Corporación municipal aprobaron, por unanimidade, a revisión de oficio proposta polo Goberno municipal das resolucións tomadas polo Concello no ano 1962 que permitiron que a Casa Cornide acabase nas mans da familia Franco.

Esta medida supón, na práctica, que o Concello inicia oficialmente os trámites para recuperar este edificio histórico da Cidade Vella, co obxectivo de devolvelo ao patrimonio municipal. Así o expuxo esta mañá o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, responsable tamén da área de Memoria Democrática, apuntando que “o informe xurídico encargado polo Concello para reclamar a Casa Cornide estima que houbo, naquel entón, un incumprimento dos requisitos e leis vixentes na transacción que lle permitiu aos Franco usurpar un ben que pertence á cidadanía da Coruña”.

Cómpre lembrar que o Concello xa instou ao Ministerio de Educación e ao Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio da permuta feita no seu día. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca anular dúas decisións: o alleamento da propiedade municipal que se aprobou o 3 de xullo de 1962 e a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano.

Castro insistiu en que “estes dous pasos administrativos incurriron en ilegalidades claras” co obxectivo de “facilitar que a familia dun ditador obtivese a Casa Cornide como un agasallo”. Neste sentido, o concelleiro instou a Xunta de Galicia a dar os pasos necesarios para proceder á apertura ao público do edificio, “dado que a Casa Cornide é un Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano pasado”. Para isto, o Concello xa lle remitiu á Administración autonómica un escrito formal días atrás, reclamando esta apertura.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario