O EMHU afronta a súa recta final este sábado

por Redacción A Coruña

Con dobres pases de ‘La Ruina’ e do esperado show ‘Humoris Causa’, con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril

O Encontro Mundial de Humorismo afronta a derradeira fin de semana da súa cuarta edición na Coruña con algúns dos pratos fortes do seu cartel deste 2024. É o caso de La ruina, o show de Tomás Fuentes e Ignasi Taltavull baseado no podcast hómonimo e que regresa ao EMHU cunha dobre sesión no Teatro Colón. As citas serán ás 12.30 e ás 18.00 horas e as entradas para ambos pases están esgotados desde hai semanas. Como é habitual na propsota, cada sesión precisará da colaboración activa do público, ademais das dúas figuras convidadas que participarán contando as súas «ruinas», e quen as e os asistentes só descubrirán unha vez comece o espectáculo. 

Por otra banda, o Pazo da Ópera acollerá este sábado, 4 de maio, unha dobre sesión do espectáculo Humoris Causa, ás 19.00 e 22.00 horas. Neste 2024, a produción propia do EMHU volverá xuntar, por primeira vez sobre un escenario, a catro dos mellores humoristas do país para facernos sorrir coma nunca. Nesta ocasión, a cita contará co imcomparable inxenio de Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.  

Antes, na mañá do sábado, ás 12.30h, o debate estará servido no Auditorio da Sede Afundación, coa mesa redonda O negocio do humor, unha proposta de entrada libre na que participarán Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e Luis Piedrahita. Cuestións como se o humor é un bo negocio, ou se é posible vivir del, serán o fío condutor para esta charla guiada polos protagonistas de algúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro do noso país.

A mesa O negocio do humor é unha das actividades paralelas que, no marco do EMHU, forman parte da campaña Cultura por Alimentos, impulsada por Afundación (Obra Social ABANCA) e na que se convida ao público a trocar a súa «entrada libre» ao auditorio por produtos non perecedoiros que, posteriormente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas. 

Peche o domingo 5

O Encontro Mundial de Humorismo botará o pano da súa cuarta edición o domingo 5 de maio. Pola mañá, a partir das 12.30 horas, o Teatro Colón acollerá a gravación do podcast El sentido de la birra, no que Ricardo Moya entrevistará a Antonio Resines. Non quedan convites dispoñibles para a cita, incluída na programación de actividades paralelas do EMHU.

Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas no mesmo recinto, terá lugar a gala final de clausura Fantastic Colofon, que nesta ocasión conducirán Javier Veiga, Xosé A. Touriñán, As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro) e David Cepo. Será unha noite ateigada de gags, risas e momentos únicos para gardar na memoria. Durante o desenvolvemento da gala, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso.

AXENDA EMHU 2024 – SÁBADO 4 DE MAIO

O NEGOCIO DO HUMOR

Sábado 4 de maio, ás 12.30 horas, na Sede Afundación (entrada libre)

É o humor un bo negocio? Pódese vivir diso? Canto diñeiro ten Broncano no banco? Todas estas preguntas -e outras moitas- NON se responderán na mesa coloquio que presentan Álex Clavero, Raquel Martos, Juan Herrera e Luis Piedrahita. Os catro dedicaron a súa vida ao turbio negocio do humor, protagonizando algúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro. Na conversa O negocio do humor descubrirannos as súas experiencias, os seus éxitos e, sobre todo, os seus fracasos. O humor para eles é unha forma de vida, pero, tamén, unha actitude ante a mesma.

Álex Clavero dedícase a contar historias dende a verdade -aínda que igual é esaxerar-. Diante do micrófono ten o humor xestual, a simpatía, o ilóxico e o ritmo como ingredientes fundamentais. É o El Francotirarock no programa de El pirata y su banda, de RockFM. Foi guionista en programas de televisión como El Hormiguero e colaborador en espazos como Lo mejor que te puede pasar, de Nuria Roca.

Juan Herrera é unha auténtica eminencia no mundo da radio e a televisión. É un dos piares fundamentais do entretemento tal e como o coñecemos: foi o creador de xoias como Humor Amarillo ou o Gran Prix, un dos guionistas do primeiro Club de la Comedia, e peza crave no nacemento de El Hormiguero. E isto é só a punta do iceberg.

Luis Piedrahita é humorista, escritor, ilusionista, presentador e director de cine. É colaborador e guionista do programa de entretenimiento máis exitoso da televisión: El Hormiguero 3.0. Tamén colabora habitualmente en La Ventana, na Cadena Ser. É autor de sete best sellers de humor, entre eles Cambiando muy poco algo pasa de estar bien escrito a estar mal escroto A mí este siglo se me está haciendo largo.

Raquel Martos, xornalista, guionista e escritora que desenvolveu case toda a súa carreira no mundo audiovisual. Traballou en radio e televisión con figuras como Pablo Motos, Luis del Olmo, Carlos Alsina ou Julia Otero, entre moitos outros. Na súa extensa traxectoria pasou por medios como Onda Cero, M80, SER, Antena 3, Movistar Plus+ ou a televisión pública (La 1, La 2).

LA RUINA

Sábado 4 de maio, ás 12.30 e 18.00 horas, no Teatro Colón (entradas esgotadas)

La ruina é un show conducido por Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes no que tanto asistentes como invitados especiais comparten en público a súa anécdota máis embarazosa: aquela vez que a súa parella rompeu por WhatsApp, cando se durmiron nunha reunión importante, un malentendido cun taxista… A típica anécdota que, obviamente, sempre é ben recibida nunha cea! Cun invitado especial que compartirá as súas miserias -que será diferente en cada un dos pases programados este sábado, 4 de maio, na Coruña-, La ruina promete ser, de novo, un dos momentos máis inesquecibles do EMHU.

HUMORIS CAUSA

Sábado 4 de maio, ás 9.00 e 22.00 horas, no Palacio da Ópera (entradas esgotadas)

A gala con máis percorrido do EMHU regresa un ano máis para que as figuras da comedia máis destacadas do panorama nacional dean boa conta do seu inxenio. Humoris Causa é un espectáculo sen precedentes, que é, á súa vez, o precedente de propostas como Mentes peligrosas. Neste 2024, volverá xuntar, por primeira vez sobre un escenario, a catro dos mellores humoristas do país para facernos sorrir coma nunca. Nesta edición a cita ineludible do EMHU contará con Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario