Miriam Eimil Chao, estudante do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), recolleu o galardón, este martes 25 de xuño, na sede central da empresa en Madrid
A alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Miriam Eimil Chao (As Pontes, 1999), vén de acadar o terceiro premio no segundo hackathon “Reto Enseña 2.0” que organiza ORACLE España en colaboración con NUWE e no que participaron máis de 230 estudantes de máis de 40 universidades de todo o mundo. Esta alumna do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática participou de xeito individual neste reto baixo o nome de ‘Purple Sector Team’ e en representación da Universidade da Coruña.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, acompañaron á alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) no acto de entrega de premios que tivo lugar, este martes 25 de xuño, na sede central da empresa en Madrid. O equipo ‘Cachopo Team’ da Universidad Europea de Madrid (UE) acadou o primeiro galardón e ‘The Nanos Team’ da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), o segundo. O alumnado que integra o equipo gañador recibiu unha tarxeta regalo por valor de 1.000 euros e varias sesións de mentoring con persoal experto de ORACLE España. O segundo clasificado recibiu unha tarxeta regalo por valor de 600 euros e o terceiro, neste caso a estudante da Universidade da Coruña (UDC) Miriam Eimil Chao, outra pero por un importe de 400 euros.
Ao longo da xornada, tanto o profesorado coma o alumnado das tres universidades galardoadas neste segundo hackathon “Reto Enseña 2.0” participaron nun networking con persoal experto de ORACLE España e probaron o simulador de Fórmula 1 ORACLE Redbull.
Predicindo os resultados da próximas carreiras de Fórmula 1
Entre os meses de maio e xuño, a alumna do Campus Industrial de Ferrol, Miriam Eimil Chao, ao igual que o resto de estudantes universitarios participantes no segundo ‘Reto Enseña 2.0’ que organiza ORACLE en colaboración con NUWE, tivo que afondar no mundo da Fórmula 1 botando man da Ciencia de Datos, da Aprendizaxe Automática e da Intelixencia Artificial (IA) para intentar predicir cal ía ser a mellor carreira do ano.
Durante todo o proceso, a estudante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), analizou con detalle, a través ORACLE Analytics Cloud, aqueles aspectos que converten unha carreira de Fórmula 1 nun evento inesquecible como poden sen os audaces adiantamentos, os estratéxicos pit-stops ou mesmo o clima.
Foto portada: No centro, a alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Miriam Eimil Chao, xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e co director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, na sede central de Oracle España en Madrid.