A Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo expresa a súa profunda preocupación e descontento ante a situación que se está vivindo este ano en relación coa reunión anual de negociación de vacantes docentes do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP) coa Xefatura de Inspección educativa de Lugo.
Esta reunión, que habitualmente se celebraba a comezos do mes de xullo, vén sendo atrasada progresivamente nos últimos anos, chegando ao punto alarmante de que, este ano, a convocatoria se enviou o mesmo día no que estaba prevista a adxudicación provisional do CADP.
Ademais, non só se convocou tarde a reunión, senón que tamén se enviou tarde a listaxe de vacantes.
Esta información é esencial para que a Xunta de Persoal poida coordinarse cos centros de ensino e identificar as necesidades de profesorado adicionais para o vindeiro curso. A falta desta información imposibilita o correcto desenvolvemento das funcións da Xunta, concretamente, a negociación das vacantes solicitadas polos centros.
A situación agrávase debido a que a adxudicación definitiva de destinos provisionais está prevista para o vindeiro venres 2 de agosto. Nestes termos, unha reunión convocada tan tarde só poderá ter un carácter soamente informativo, eliminando calquera posibilidade de negociación efectiva das vacantes.
Esta demora e falta de comunicación representan un desprezo absoluto á comunidade educativa e un incumprimento flagrante das responsabilidades da administración educativa. A Xunta de Persoal Docente denuncia esta situación como unha falta de respecto ao seu traballo e unha clara falta de transparencia, xa que, sen unha negociación real, a administración educativa ten a capacidade de impoñer unilateralmente recortes no persoal docente.
A Xunta de Persoal Docente de Lugo insta á administración a cumprir cos seus compromisos e a respectar os procesos de negociación establecidos, garantindo así unha planificación adecuada e xusta das necesidades educativas da provincia. Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo
21noticias
Dende 21noticias ante o interese concreto dalgúns profesionais da Educación de desviar a información e a veracidade dos feitos relatados e todos eles, debidamente contrastados, a través de diferentes fortes e soportes documentais, cómpre aclarar que:
– Recibimos máis moitos mails, cartas, chamadas e comunicacións varias, contrastando en todas elas as persoas orixinarias e a información das mesmas.
– En ningún caso publicamos, ningunha información que non estivera contrastada e documentada, así como a titularidade de quen nola emitía.
– Non aceptamos ningún tipo de presión nin directa nin indirecta de ninguén e así seguiremos, en aras dunha obxectividade.
– Agradecemos en todo momento a exemplaridade dos diferentes sindicatos, atendendo e valorando as desculpas realizadas por un deles, ante as actuacións impropias dun liberado seu, que non representa ao sentir do sindicato, como así nolo fixeron saber.
– Diferentes membros de Inspección Educativa puxéronse en contacto con este medio, para falar de varias situacións, o cal é de agradecer, xusto ao contrario que o Inspector Xefe que continúa coa súa caza de bruxas, incluso cargando día si e día tamén contra a administración e contra o partido que o colocou. Cale un pouco e poñase a traballar!
Busquen todos os implicados o benestar da comunidade educativa e deixen de tentar estar en postos para escorregar o bulto, non traballar e cobrar importantes cantidades económicas por escapar das decisións.
Non busquen a caza de bruxas, que se foi tal inspector, que se foi tal director, que se foi tal funcionario da administración, que se foi tal sindicato, que se foi tal persoa xubilada, que se foi tal alcalde, que se foi tal ANPA, que se foi Fapacel e paren un pouco, miren arredor e cando levanten a cabeza, sintan vergoña por todo o que está pasando.
E non se preocupen en que 21noticias non o le a xente, non hai máis que escoitar e ver a calquera persoa do ensino, que todos leron e saben que o noso medio está debidamente documantado.