A Comisión de Medio Ambiente do PPdeG urxe ao Goberno central a transferir “de xeito inmediato” os fondos que debe a Galicia para que poidan ser executados en prazo e non perdelos, así como para que a nosa Comunidade “non volva ser discriminada” como xa pasou con axudas como as do lobo.
Os populares denuncian que hai moitas transferencias pendentes e “urxentes” para que se poidan aproveitar eses fondos. É o caso, por exemplo, dos fondos europeos do Perte de dixitalización do ciclo da auga, dos que a Galicia lle corresponden 10,1 millóns de euros e que “será complicado poder executalos en menos de dous anos” tendo en conta que o seu prazo de execución remata en xuño de 2026.
Noutros casos, a contía asignada á nosa Comunidade é “escasa” –o crédito para actuacións en áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais é de pouco máis de 100.000 euros– ou directamente non chega, como aconteceu coas axudas para previr e compensar os danos do lobo das que “non se recibiu nin un só euro en 2022 e 2023”.
Outros dos fondos polos que segue agardando o Goberno galego son os destinados a proxectos de dixitalización en materia de xestión de residuos (preto de 2,5 millóns de euros) e os recursos do Plan PIMA Efectos Adversos (máis de 450.000 euros) para facer fronte ás consecuencias de episodios de elevadas temperaturas ou mesmo incendios.