Non é de agora, senón do 2007, pero iso é o de menos, porque canto máis tardes en vela máis arrepiante parecerá. Ambientada nos anos sesenta e dentro dunha exitosa axencia de publicidade en Nova Iorque, o retrato despiadado daquela sociedade deixa patente a dura loita e os sacrificios das mulleres ao longo de todos estes anos para chegar a unha liberación que aínda moitas delas non viven en non poucos lugares do mundo.
E pese a todo, aínda seguimos sendo valoradas pola nosa imaxe física, polo que valemos como mercaduría para consumo masculino ou cobrando menos que eles aínda que desempeñemos os mesmos traballos. Na serie, o acoso sexual vai na nómina, ser un obxecto decorativo que cumpra as funcións de satisfacer aos estresados executivos, tamén. Hoxe, seguimos sendo acosadas laboralmente, ca diferenza de que xa non se considera algo normal e, incluso, hai sentenzas xudiciais que o recoñecen e castigan ao acosador. Temos dereitos que non desfrutaron as mulleres de «Mad Men», por máis que ás veces facer uso deles se convirta nun tortuoso camiño no que non sempre somos resarcidas. Incluso nas que estudaban e iniciaban unha profesión, iso acababa sendo secundario unha vez casaban, onde o lóxico era coidar ao marido e criar á descendencia. Polo menos as afortunadas que casaban «ben», porque as pobres traballaron toda a vida e en todas as épocas e lugares. Nesa década, Martin Luther King e Malcolm X abrían paso aos Dereitos Civís e eran asasinados por tal motivo, algo que apenas inquedaba a unha burguesía branca que, en caso de temer algo, era perder os seus privilexios e supremacía. É fascinante ver como se abre paso cada avance, cada pequeno logro a custa de tantas vítimas que, como fraco consolo, non foron en van. Os tempos mudaron desde que os homes de Madison se paseaban traxeados polas axencias e os garitos….Mais no o suficiente para que as mulleres de hoxe en día esteamos completamente a salvo de toparnos con eles.