O PP de Viveiro propón investir na rede de auga de Galdo, Landrove e Magazos a contía do orzamento municipal sen executar por levar 6 meses sen Policía Local

por Redacción Lugo

Tras 6 meses sen efectivos da Policía Local, os concelleiros populares entenden que “se liberaría unha contía importante do presuposto que se pode redistribuír noutras aplicacións”.

O PP de Viveiro considera “urxente e necesario”  corrixir os problemas na rede de abastecemento de auga que afectan ás parroquias de Galdo, Landrove e Magazos. Así, propoñen ao goberno municipal investir na posta a punto da rede de abastecemento de agua destas parroquias o resultante das contías de gasto reservadas no presuposto 2024 para a Policía Local e que non foron executadas ao levar 6 meses sen este servizo. 

Os concelleiros populares subliñan como “crítica” a situación destas parroquias e da que xa advertiran o mes pasado ante as continuas queixas dos veciños e veciñas polos “continuos cortes de auga sen ningún tipo de aviso previo” que “provocan inevitables trastornos para a vida diaria dos veciños”. De feito, “sofren constantemente cortes no subministro que lles impiden realizar tarefas coma o aseo persoal, labores de limpeza nos seus fogares e negocios ou algo tan necesario como dar de beber aos animais ou regar as hortas”.

Para os concelleiros do PP “é obriga do goberno local valorar e cubrir na medida do posible as necesidades básicas dos cidadáns, garantindo os servizos coma o da auga”.

Á vista de que “levamos 6 meses sen efectivos municipais -nos que nin a alcaldesa nin a súa socia de goberno avanzaran para esclarecer e solucionar a situación que vive a Policía Local de Viveiro co seu corpo de baixa médica dende finais de febreiro-, entendemos que se liberaría unha contía importante do presuposto que queda dispoñible para realizar redistribucións de gasto que permitan consignar crédito para outras aplicacións”.

E, tendo en conta que “a auga é un ben básico e o seu subministro é unha competencia municipal, instamos ao goberno bipartito a que teña en conta a necesidade de garantir o acceso á auga potable aos veciños destas parroquias de Viveiro”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario