Emotivo tributo do BNG á memoria do xove galeguista Pedro Galán Calvete asasinado en setembro de 1936

por 21 Noticias

Un cento de persoas reuníronse esta mañá no cemiterio de Santo Amaro para, diante da súa tumba, renderlle un emotivo tributo á memoria de Pedro Galán Calvete, o mozo coruñés de 19 anos que foi asasinado en setembro de 1936 por aqueles que odiaban os seus ideais galeguistas, nacionalistas e progresistas, aqueles que instauraron un réxime de terror e opresión que se prolongou durante catro décadas.

No acto, que comezou cunha ofrenda floral, tomou a palabra o historiador e profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel, quen fixo un percorrido pola breve biografía de Galán Calvete e polas circunstancias históricas que marcaron a súa vida, desde a súa infancia como alumno da Escola de Ensino Galego promovida polas Irmandades da Fala, até a súa apaixonada adolescencia como activista político  -secretario de Organización das Mocidades Galeguistas- e social -foi un dos fundadores do Club do Mar de Santo Amaro.

“Foi detido o 10 de setembro de 1936 e, 6 días despois, apareceu o seu cadáver”, relatou Narciso de Gabriel, quen, para debuxar un retrato do mozo galeguista, aludiu ao traballo de investigación feito por Xosé Manuel Carril -ex portavoz do BNG no Concello e profesor de dereito da UDC, a quen lle debemos en boa parte a recuperación da figura de Galán Calvete.

“Carril destaca tres trazos especiais na personalidade deste mozo ao que hoxe lembramos: a madurez, o compromiso con Galiza e a inocencia. Porque Pedro foi ante todo unha persoa sinxela e limpa de corazón, unha persoa que coidaba que a divulgación e a posta en práctica dos seus ideais non facía dano a ninguén. De aí que non fuxira no verán do 36, aínda que tivera oportunidade de facelo”, remarcou.

Ao acto asistiu unha representación da familia de Galán Calvete e quen lle puxo o ramo, interpretando as notas do himno galego, foi a gaiteira Erea Estévez Campos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario