Volvían os de Doc ás pistas despois de catro meses, e os betanceiros non podían render mellor homenaxe ao seu presidente, José María Valeiro Iglesias “Tocayo”, lamentablemente falecido este verán. Xogábase a primeira xornada da Copa Galicia Tercera Feb fronte a un dos teóricos rivais directos na competición ligueira e as sensacións, para a expedición betanceira, foron claramente positivas: equipo intenso en defensa, rápido en ataque e capaz de levar aos seus tempos o partido cando foi preciso.
Quitando os primeiros compases do encontro, disputado a mañá no domingo no Pavillón Vila de Noia, o Ineltrón Santo Domingo, empuxado por un Abelleira que volve asumir galóns no equipo, soubo xestionar unha vantaxe media de 3-5 puntos e dar un empurrón final ata a decena para que non houbese dúbidas de quen ía levar o gato á agua. Ao final o marcador cifrou +9 de vantaxe (69-78) e un cadro de anotación, liderado por Abelleira (+21), con bos números corais: Dani Martín (+11), Brezo (+11), Luis Portilla (+11). Interesante achega do mozo Ernest (+6) en defensa e rebote, intanxibles como decote do veterano Rozas e canastra importante dun Pepe Moreno nun momento clave do partido.
Próxima cita, plan “entresemana” para os incondicionais do Santo: mércores 21:30 contra Estudiantes de Lugo, vencedor esta xornada do CB Culleredo e, xa que logo, conxunto que comparte o cimo da táboa do grupo desta copa cos betanceiros.
Enormes sensacións dos cadetes do club e nova vitoria do júnior masculino
No que toca á canteira, os resultados dunha xornada que supuña a estrea dos cadetes masculino blanco e das cadetes do Decornaveira, non se puido saldar con mellores sensacións. Os rapaces de Sergio Gómez e Will deron boa conta de Cambre (65-115) nun partido sen concesións ás defensas e as rapazas de Alía e Sandra, nun extraordinario partido coral, non tiveron compaixón dun Baxi Ferrol Esteiro, que, non obstante, pelexou ata a última posesión: 84-11 para as betanceiras.
Os júnior masculino de Diego Folla e María Vázquez, que xa gañaron no seu debut, tampouco andaron con contemplacións co Basquet Coruña e deixaron un resultado cun moi sabor de boca para esta liga que a penas acaba de comezar: Santo Domingo Betanzos 86- Basquet Coruña 54.
A fin de semana que vén, coas competicións infantís tamén en marcha, marcará sen dúbida o inicio a todos os efectos desta temporada 24/25, a salvo o minibasquet, ao que aínda lle quedarán, como é costume, unhas semanas.
FOTOGRAFÍA: cortesía Basket Xiria.