O IGADI e o Campus Industrial de Ferrol organizan un curso sobre China e o seu papel no contexto internacional

por Redacción Galicia

A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación acollerá, entre os meses de setembro e outubro, un total de tres sesións formativas impulsadas xunto co Observatorio da Política China (OPCh)

A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación acolle mañá, mércores 25 de setembro, de 18:00 a 20:00 horas, a primeira das tres sesións formativas do Curso “China no horizonte do S.XXI: Sociedade, Cultura e Política Internacional” que organizan o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto co Observatorio da Política China (OPCh).  

Na primeira destas tres sesións formativas intervirá o doutor en Lingüística Aplicada e Adquisición de Linguas en Contornas Multilingües pola Universidad del País Vasco (UPV), Modesto Corderi Novoa, quen realizará unha introdución á sociedade, á cultura e á lingua chinesa (mandarín). O mércores 2 de outubro será a quenda da doutoranda en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jia Bai Hui, quen afondará nas diferencias culturais existentes entre China e Occidente. 

Na última das sesións, prevista para o mércores 9 de outubro, intervirán a directora adxunta do Observatorio da Política China (OPCh), Marola Padín Novas, o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau, e o secretario xeral da Asociación Latinoamericana de Estudios de Asia y África (ALADAA), Andrés Raggio Souto, quen debaterán, entre outros asuntos, sobre o proxecto de infraestruturas “Novas Rutas da Seda”. 

Colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh). 

Desde o curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario