O PP urxe ao goberno de PSOE e BNG a “atender a petición dos veciños de Begonte para renovar o firme das estradas provinciais que son unha sucesión de fochancas”

por Redacción Lugo

Ameijide explica que “onte mesmo no pleno da Deputación, propoñíamos dirixir 10 millóns dos 20 millóns de euros que vén de recibir a Deputación de Lugo procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 a mellorar as estradas provinciais, pero PSOE e BNG votaron en contra”.

Os veciños e veciñas das parroquias de Donalbai, Virís e Santalla de Pena, no municipio de Begonte, trasladáronlles aos deputados do PP -Antonio Ameijide, José Ángel Santos, Armando Castosa e Fran Balado- durante unha reunión na que estiveron acompañados polo alcalde do municipio, José Ulla, as súas queixas polo “alarmante mal estado de estradas provinciais que comunican estas parroquias begontinas”. 

O pavimento das estradas LU-P-0802 (Begonte-Santalla) e LU-P-2303 (Parga-Pedrafita-Santalla) atópase “totalmente desfeito” de forma que “as estradas son unha sucesión de fochancas”.

“Esta situación supón graves riscos para a seguridade dos usuarios, ademais de provocar continuo malestar entre os veciños que usan estas vías; non só pola incomodidade, senón polos danos que provoca nos vehículos”, indica o portavoz popular, Antonio Ameijide.

Isto débese a que “fai máis de 10 anos que a Deputación de Lugo non acomete ningún tipo de actuación de mellora ou renovación. Unicamente tapan as fochancas máis grandes, pero non é suficiente. Co paso do tempo o pavimento foise desfacendo e, na actualidade, atópase nun estado totalmente intransitable”.

Os veciños e veciñas xa teñen solicitado o seu arranxo, pero “o goberno de PSOE e BNG da Deputación de Lugo fan oídos xordos”, segundo lamenta o popular.

Ameijide lembra que, “onte mesmo no pleno da Deputación, o Grupo Popular propoñía dirixir 10 millóns dos 20 millóns de euros que vén de recibir a Deputación de Lugo procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 a mellorar as estradas da súa competencia, pero PSOE e BNG votaron en contra”.

Para os populares isto demostra “o pouco que lle preocupan as comunicacións das parroquias do rural e, especialmente, a seguridade dos lucenses que empregan a diario a rede viaria provincial”.

CONTRASTE ENTRE AS VÍAS PROVINCIAIS E LOCAIS

Ameijide destaca “o perfecto estado das vías que son competencia do Concello” que é froito “dunha planificación e un esforzo na xestión dos recursos por parte do alcalde e o goberno local para atender as necesidades dos seus veciños”.

“É evidente o contraste entre o abandono das estradas da Deputación en Begonte e as boas condicións das vías municipais: o firme dalgunhas delas conta xa con aglomerado en quente e noutras acometerase esa mesma mellora nos vindeiros meses”, indica.

“O que pedimos é que o goberno provincial atenda as peticións dos veciños e veciñas e acometa de forma urxente os traballos de renovación da vía para garantir a seguridade aos veciños e veciñas da zona”, conclúe Ameijide.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario