Arrincan as negociacións dos Orzamentos do 2025, “co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos barrios e dos coruñeses”

por Redacción A Coruña

Seguindo o calendario previsto, o Goberno municipal mantivo hoxe un encontro co BNG para comezar a traballar nas contas do ano que vén.

O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá a primeira reunión para a negociación dos Orzamentos Municipais de cara ao vindeiro ano 2025, na que participaron unha representación do Goberno municipal e o equipo designado polo BNG.

Por parte do executivo local a delegación estivo encabezada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, e pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, e vicevoceira, Nereida Canosa. Por parte do BNG participaron Francisco Jorquera, voceiro nacionalista, e os concelleiros Avia Veira e David Soto.

A reunión mantida hoxe, indicou Lage Tuñas, supón o primeiro paso de cara á aprobación duns novos orzamentos, reunión que se celebrou seguindo o calendario anunciado en verán polo portavoz do executivo local. «Imos traballar para que A Coruña teña un orzamento que sexa tan ambicioso como foi o do 2024», expuxo Lage. 

O voceiro municipal lembrou que o Goberno seguirá a traballar coa maior dedicación para facer efectivos os compromisos contraídos co BNG con motivo do acordo para os Orzamentos do 2024.

«Imos poñer todo da nosa parte para seguir traballando nuns orzamentos progresistas e que dean resposta ás necesidades dos nosos barrios e de todas as coruñesas e coruñeses», apuntou Lage Tuñas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario