O Concello da Laracha mellora o auditorio do centro sociocultural de Paiosaco

por Redacción A Coruña

A intervención presenta un orzamento próximo aos 22.000 euros e é cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O Concello ten en fase de execución o proxecto de mellora do auditorio do Centro Sociocultural de Paiosaco, a que é instalación de referencia tanto para Lestón como para outras parroquias próximas no que atinxe á actividade social e cultural. 

Os traballos van dirixidos a facer o espazo máis confortable tanto para o público asistente como para as compañías e os artistas que realizan nelas os espectáculos. Así, no auditorio están a ser renovados os elementos de madeira que presentan deterioro debido ao uso durante os últimos anos e ao efecto da humidade da zona, sendo substituídos os revestimentos existentes por outros taboleiros laminados de carballo. Tamén foi pulido e vernizado o solo do platea, mesmos traballos que se van realizar no escenario.

Ademais, no aseo da planta soto foron renovados os elementos e mellorada a canalización. E no exterior está prevista a reparación da cuberta das escaleiras da saída de emerxencias para evitar as filtracións de augas pluviais.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello, acudiron ás instalacións do Centro Sociocultural de Paiosaco para coñecer o resultado do desenvolvemento dos traballos que están en execución.

O orzamento alcanza os 22.000 euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega de 7.500 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia ao abeiro do programa de subvencións a entidades locais para o equipamento e mellora das instalacións utilizados para a realización de actividades culturais.

As obras obrigaron a interromper toda a actividade na planta soto do Centro Sociocultural de Paiosaco, motivo polo cal non se están realizando aínda eventos como os Seráns de Baile, que regresarán á programación municipal unha vez concluídos os traballos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario