PSdeG: «A AP-9 se paga por culpa do PP, pero págase menos grazas ao PSOE»

por 21 Noticias

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, destacou hoxe o incremento dos fondos para bonificacións das peaxes da AP-9, que o Consello de Ministros aprobará o martes, como un novo avance cara a gratuidade da autoestrada. “O Partido Socialista cumpre. Dixemos que iamos camiño da gratuidade, que é o que todos e todas queremos, e cumprimos”, dixo sobre unha medida que se prevé que posibilitará elevar os descontos do 50 % nas viaxes de ida e volta no mesmo día ata o 75 %.

O mecanismo que habilitará o Executivo, a declaración de urxencia do procedemento, permitirá dispor de 26,7 millóns de euros adicionais para as novas bonificacións sen ter que vinculalas á aprobación dos Presupostos Xerais do Estado. Torrado lembrou que os anteriores descontos, do 2021, saíron adiante sen o apoio de PP e BNG, “que tampouco apoiaron os seguintes Orzamentos que permitían esa bonificación”, de modo que o Goberno garantirá así implementar os beneficios aos usuarios e usuarias independentemente da tramitación das Contas públicas do 2025.

“Hai que lembrar que hoxe pagamos a AP-9 porque Aznar fixo unha prórroga da concesión cando non debería, e esta por ver se é legal; se non, xa teriamos unha autoestrada gratuíta”, subliñou Julio Torrado para afirmar que “pagamos por culpa do PP, pero págase menos grazas ao PSOE”.

Co incremento das bonificacións que se implementará o vindeiro ano, avánzase no compromiso de que os galegos e as galegas poidan gozar dunha AP-9 gratuita, insistiu o voceiro socialista. Pola contra, as dúas autoestradas de peaxe de titularidade autonómica, a que une A Coruña con Carballo e a que vai de Puxeiros ao Val Miñor, seguen mantendo uns descontos ínfimos, criticou.

Máis de 200 millóns dende o 2018

O Goberno leva destinados dende o 2018 máis de 200 millóns de euros a beneficiar aos usuarios  e usuarias da AP-9. En xullo do 2021 aprobou un esquema de reducións de peaxes sen precedentes en ningunha autoestrada do Estado, cun orzamento de 55 millóns ao ano, 127 millóns en total e 56 millóns na amortización da conta de compensación para evitar incrementos extraordinarios de tarifas. A iso súmanse os 83 millóns aprobados no 2006 por outro Goberno socialista e os 15 millóns para limitar a suba dos prezos dende o 2023.

Para materializar a nova ampliación das bonificacións, de cara ao 2025, contempláronse os anteditos 26,7 millóns de euros adicionais sobre o xa comprometido, ata un total de 82 millóns.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario