Os socialistas piden celeridade nas obras do desprazamento do eixo do vial CM-001 que foi aprobado no pleno de setembro.
O grupo municipal socialista de Arteixo solicitou que o goberno local estudie unha alternativa temporal e segura para que deixen de circular vehículos pesados polas outras estradas de Suevos e Rañobre mentres se están a realizar as obras do desprazamento do eixo do vial CM-001 que foi aprobado no pleno de setembro.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que a veciñanza de Suevos e Rañobre leva moito tempo esperando actuacións con respecto a este vial e que “se lles prometeu que se solucionaría con premura”, pero argumenta que “temos observado cambios de criterio con relación á obra a realizar” que producirá atascos e un incremento da perigosidade causada por vehículos pesados circulando polos outros viais destes núcleos.
“Dende o grupo socialista sospeitamos que a obra vaise dilatar no tempo”, engade Seco, “e xa expresamos en diferentes reunións a posibilidade de habilitar algunha alternativa temporal para que se poida dar saída aos vehículos sen ter que acudir ás outras estradas”.
Por todo isto, o grupo municipal solicita a máxima celeridade no desprazamento do vial ao tempo que se estuda a posibilidade de levar a cabo unha alternativa temporal e segura para que deixen de circular vehículos pesados polas outras estradas de Suevos e Rañobre.