Dúas deseñadoras da vangarda artística nacional promocionarán as rutas de enoturismo de Galicia

por Redacción Galicia

A alianza entre Turismo de Galicia e Terras Gauda permite que os deseñadores premiados e finalistas da Bienal convocada pola adega fagan as súas propostas para ser a imaxe publicitaria da “Primavera de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia”

A campaña “Primavera de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia”, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas rutas dos viños en 2025 e 2026, levará o selo de dúas deseñadoras que forman parte da vangarda artística nacional: Ana Barrado, de Cáceres, e Sonia Gallego, de Madrid. Isto é posible grazas á alianza entre Turismo de Galicia e Bodegas Terras Gauda para que os finalistas e premiados en cada edición da Bienal Internacional de Cartelismo – Concurso Francisco Mantecón presenten os seus carteis para optar a ser a imaxe publicitaria desta iniciativa de enoturismo.

Unha colaboración que está en vigor desde 2019 e que permitiu a Turismo de Galicia acceder a un elenco de artistas gráficos nacionais e internacionais de primeiro nivel. A deseñadora de Cáceres recibira o 1º Accésit no certame de Terras Gauda.

Para o concurso de Turismo de Galicia, este ano recibíronse 64 propostas de trece países de todo o mundo: Austria, Arxentina, Bulgaria, EEUU, España, Finlandia, Francia, Italia, Polonia, Reino Unido, República Checa e Rusia.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, presidiu o xurado que se reuniu para elixir os carteis premiados, cos deseñadores gráficos de recoñecido prestixio Pati Núñez e Rodrigo Sánchez, que tamén formaron parte do xurado da Bienal en 2024. Así mesmo, participou o xefe de Área de Produto de Turismo de Galicia, Santiago Bacariza. Cada unha dos galardoadas recibirá como premio 5.000 €.

Ambas deseñadoras interpretaron a riqueza cultural e vitivinícola de Galicia nos seus carteis, para atraer a turistas ás adegas das cinco denominacións de orixe galegas durante a celebración das “Primavera de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia” en 2025 e 2026.

Máis de 21.000 carteis de 100 países en 16 edicións

Máis de 21.000 carteis dun centenar de países participaron nas 16 edicións da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. O aval de asociacións internacionais e universidades de prestixio, contar con grandes profesionais do deseño no xurado e o eco dos medios de comunicación foron claves para situala entre as de maior envergadura convocada por unha entidade privada en todo o mundo.

Este posicionamento entre a vangarda da arte internacional levou a Turismo de Galicia a afianzar a colaboración coa adega e a desenvolver o seu concurso, como segunda fase da Bienal, co fin de que novos talentos e artistas gráficos xa consagrados dos cinco continentes presenten as súas obras para promocionar as súas xornadas de enoturismo en Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario