A cadete Lorena Patiño revalidou o título e o cuarteto infantil masculino impúxose por equipos. Mauro Vega fixo terceiro nos cadetes e repetiu medalla na clasificación por seleccións
A quenda do BTT no Campionato de España Escolar que ata este sábado se celebrou en Cartagena chegou na súa xornada de clausura e as carreiras en bicicleta de montaña para as categorías infantís e cadetes saldáronse cun sensacional balance de medallas para Galicia. O combinado da FCG obtivo catro podios, entre eles dous primeiros postos. Lorena Patiño revalidou o título cadete e o cuarteto infantil masculino conquistou a clasificación por equipos. Os outros dous metais foron de bronce e rexistráronse na proba cadete masculina, con Mauro Vega terceiro na táboa individual e subindo ao mesmo chanzo do caixón como compoñente da Selección de Breogán.
No rápido circuíto de Parajes de las Escarihuelas, catorce bikers defenderon as cores de Galicia baixo a dirección de José Alberto del Río. O programa de catro carreiras comezou coa cadete feminina e Lorena Patiño asinou un guión moi semellante ao protagonizada o ano pasado en Valladolid. A marinense impuxo un forte ritmo dende o inicio que lle permitiu abrir marxe e posteriormente xestionalo para acabar vencendo cun tempo de 49 minutos e 28 segundos, distanciándose en 1’07» de Mónica Estrada (La Rioja) e en 2’18» de Lucía Sánchez-Montañez (Comunidad de Madrid), as dúas corredoras que a escoltaron na imposición da camisola de campioa de España. Iris Fernández (21ª) e Lara Pita (30ª) completaron a actuación do combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG), quinto por equipos.
Máis información e clasificacións BTT e Xincana