O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia fai un balance positivo da lexislatura que remata e insta o Executivo estatal que saia das urnas o 23 de xullo a que atenda as demandas de Galicia. Segundo a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, todas as accións de Goberno «teñen luces e sombras», mais en termos globais coida que as medidas aprobadas foron na liña do que pedía o sindicato, principalmente por «situar o factor traballo no centro das políticas, que é o que sempre demandamos», explicou.
Neste contexto, a dirixente sindical puxo en valor medidas como a suba do salario mínimo, a reforma laboral ou o acordo de pensións, fundamentais para unha saída máis xusta da crise da covid-19 e gañar dereitos. Tamén salientou outras que foron na liña de «avanzar en liberdades», como as políticas feministas e de protección dos colectivos LGTBI+.
CCOO iniciará a vindeira semana unha campaña estatal para facerlles chegar aos distintos partidos políticos as súas propostas. «Temos a lexitimidade, tanto constitucional como de bagaxe durante estes anos en que conseguimos acordos no ámbito do diálogo social» para formular estas iniciativas, aclarou.
A secretaria xeral de Comisións pediulle ao Goberno que saia das urnas «que mire para Galicia», porque hai eivas «que veñen de moito tempo atrás» en materia de infraestruturas —como a saída sur, onde Portugal xa está a traballar, ou o corredor do noroeste— ou de financiación autonómica. Neste último punto, sinalou como «exemplo máis claro» a situación da atención á dependencia.
Amelia Pérez tamén lle sinalou á Xunta que «non só agora» se debería ocupar de trasladarlle demandas ao Goberno central, «porque, como dicía, moitas destas eivas xa veñen de moito antes».
Asemade, pediulles aos partidos políticos seriedade, rigorosidade, coherencia e transparencia. «Que falen claramente das súas propostas e que supoñen; se son económicas, que estean orzamentadas», advertiu. O mesmo lles solicitou a partidos «que amosan moita preocupación por Galicia, que lamentan o seu illamento, mais que á hora da verdade votaron en contra de medidas que melloran a vida da spersoas, como a reforma laboral ou a das pensións».
Por último, a secretaria xeral de CCOO pediu a participación da cidadanía nas eleccións xerais, ao tempo que advertiu do «risco serio de involución» por mor do avance da extrema dereita en toda Europa, tamén no Estado español. «Negámonos a esta involución, negámonos a volver ás cavernas ou ao recorte de dereitos», concluíu a sindicalista.