O candidato número 1 da lista do PP da provincia de Lugo ao Congreso, Francisco Conde, amósase ilusionado porque o próximo domingo os lucenses, os galegos e os españois voten cambio para comezar “un novo ciclo”, voten ao Partido Popular e a Alberto Núñez Feijóo que é “a verdadeira alternativa” para “resolver os problemas dos españois, reverter a situación económica do país, deixar atrás o sanchismo e que en España volva haber unha política útil”.
Nun encontro con xornalistas no que estivo acompañado por membros da candidatura ás xerais do vindeiro 23 de xullo, o popular fixo balance da “intensa campaña a pé de rúa, moi pegada á xente” e durante a que “percorremos máis de 7.000 quilómetros e organizamos máis de 100 actos”. Os candidatos populares participaron en encontros sectoriais con axentes socioeconómicos da provincia para trasladarlles o proxecto de Alberto Núñez Feijóo coma o sector forestal, empresarial, vitivinícola, agrogandeiro, pesqueiro, turístico, etc.
Pero, sobre todo, “estivemos coas familias, as mulleres, os mozos e mozas, os maiores, as pequenas e medianas empresas, os autónomos e colectivos que precisan unha política distinta, útil, que atenda as súas necesidades”. Nese sentido, Conde fixo referencia á “perda de poder adquisitivo que sofren as familias, as pemes e a industria que lastra a súa competitividade e a súa capacidade para xerar emprego e acometer investimentos”.